Olalla Rodil ao PP: “Deixade de mirar para Montoro e convocade as oposicións”

O BNG pide á Xunta que convoque as oposicións e deixe de usar a miles de persoas como moeda de cambio na negociación dos orzamentos do Estado
Publicado por o día 09/03/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Olalla Rodil ao PP: “Deixade de mirar para Montoro e convocade as oposicións”

O BNG pide á Xunta que convoque as oposicións e deixe de usar a miles de persoas como moeda de cambio na negociación dos orzamentos do Estado.

Rodil criticou que o Goberno “sega ollando para Montoro” cando temos o cartos e as competencias suficientes para decidir desde Galiza.

A deputada do BNG, Olalla Rodil, reclamou á Consellería de Educación que convoque as oposicións de inmediato e deixe de usar aos miles de galegos e galegas pendentes desas probas como medida de presión e chantaxe na negociación dos orzamentos do Estado, que o Goberno de Rajoy mantén no Congreso.

“Non busque fora ningunha medida de lexitimación, certeza ou tranquilidade na convocatoria das oposicións, porque está garantida desde o momento en que este Parlamento aprobou os orzamentos galegos de 2017”, rebateu Rodil en relación ao argumento esgrimido pola Xunta para xustificar a paralización das oposicións.

Na interpelación ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a deputada lembroulle que foi o propio Executivo de Feijóo quen anunciou a convocatoria o pasado mes de decembro, “cando a situación era a mesma que agora, pero coa diferenza de que non estaban aprobados os orzamentos de Galiza, e nese momento nos lles preocupou nada a inseguridade”.

A deputada nacionalista criticou que o Goberno galego “sega ollado para Montoro” á espera do que decida o PP de Madrid, nun tema no que Galiza “ten competencias plenas, recursos e soberanía suficiente para tomar as decisións que lle conveña”. “Nin sequera cando temos os cartos podemos facer o que pensamos que é bo para este pais?”, interpelou Rodil.

Esta paralización das oposicións asumida submisamente polo Goberno de Feijóo é para a deputada “unha nova constatación de que a recentralización política non trae máis que problemas”, concluíu, ante a persistencia da Xunta en asumir o veto imposto desde Madrid ás oposicións galegas.