Olalla Rodil critica o veto do PP ás medidas “ambiciosas e inconformistas” do BNG para transformar Galiza

“Respiran confianza no país”, alega, apostando por máis poder político e económico a favor do benestar social, emprego e calidade democrática
Por o 12/10/2018 | Sección: BNG,Política
Olalla Rodil critica o veto do PP ás medidas “ambiciosas e inconformistas” do BNG para transformar Galiza

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, non se mostrou moi sorprendida porque o PP, a piñón fixo, aplicase un ano máis o rodillo para vetar 38 das 40 propostas de resolución presentadas polo BNG no debate do estado da nación, pese a ser medidas pensadas para mellorar a calidade de vida dos e das galegas.

“Son propostas ambiciosas e inconformistas, que respiran confianza no país”, salientou Rodil, medidas que reclaman máis poder económico e político, “e só un Goberno acomplexado renunciaría a ter as ferramentas que aportarían un concerto económico para xestionar o 100% dos recursos e un novo marco que recoñeza a Galiza como nación”.

“Díganme señorías do PP, beneficia ou non aos galegos e as galegas incrementar en 100 € as pensións máis baixas? Beneficia ou non crear 8 mil prazas en escolas infantís para que as familias concilien? Que reclamemos os 186 M€ que o Estado nos debe en dependencia? Beneficia ou non destinar 90 M€ á loita contra a violencia machista ou unha tarifa eléctrica propia para abaratar o recibo da luz?”, interpelou Rodil.

Especialmente crítica foi a viceportavoz parlamentaria polo veto do PP ás medidas destinadas a combater as violencias contra as mulleres.

“Non se pode abordar esta loita sen recursos, con propostas sen financiamento, con meros acordos de cara a galería simplemente para quedar ben. As mulleres están fartas de brindes ao sol, queremos compromisos reais que se demostran poñendo recurso enriba da mesa”, argumentou, tras criticar que “once anos despois de aprobar a lei galega contra a violencia de xénero as vítimas aínda non teñan espazos separados dos seu agresores cando comparecen nun xulgado”.

Outra Galiza é posible, salientou Rodil, pero da man doutro modelo produtivo que implica apostar pola I+D+i, -pasando do 1% do PIB actual ao 2,5% en tres anos-, e por pechar os ciclos para xerar valor engadido. Ademais, propuxo multiplicar por tres as bolsas e 30 M€ adicionais para as universidades. O Bloque tamén levou como proposta de resolución a defensa dunha axenda galega ante o Estado, “goberne quen goberne”, que inclúa  a transferencia da AP-9ENCE fora da Ría, devolución do Pazo de Meirás e investimentos para conseguir un tren de proximidade do século XXI.

Reverter os recortes que matan

O BNG tildou de “ofensivo” que o PP proclame que a sanidade e a educación públicas están mellor ca nunca, e considera urxente dar pasos para reverter os efectos dos recortes “que matan”. Así, trouxo á Camara un Plan de mellora da atención primaria e pide unha auditoría do Hospital Povisa “para esclarecer as contas co SERGAS, garantir a asistencia dos doentes e a estabilidade laboral do cadro de persoal sen ceder ningún tipo de chantaxe”, explicou a viceportavoz.

“O benestar dun país tamén se mide pola calidade da súa democracia e polo respecto aos dereitos da súa cidadanía”, indicou Rodil, para explicar as propostas do BNG contra “os ventos de involución que sopran desde as dereitas e desde réxime corrupto”. Reclamou que se investigue o patrimonio da Casa Real e as denuncias por corrupción do Rei emérito, parte dunha institución “anacrónica e antidemocrática”.

A derradeira lección do mestre

Para protexer o dereito a vivir en galego, demanda derrogación da normativa antigalega aprobada polo PP para recuperar o consenso do Plan de normalización lingüística de 2004 e, en aras da mellora da calidade democrática, acabar coa “dedocracia” nuns medios públicos “postos ao servizo de Feixóo” elixindo á dirección da RTVG vía concurso de méritos.

Finalmente, o BNG reivindicou “o dereito do pobo galego a coñecer e valorar a súa historia e a sentirse orgullo dos seus referentes, como Castelao”, en cuxa memoria pide á Xunta facer as necesarias xestións para  adquirir A derradeira lección do mestre. “É unha obriga con Castelao, con Alexandre Bóveda retratado nesa obra, e sería un primeiro paso para a divulgación da súa obra sen manipulacións, nin censuras”, concluíu.

Aprobadas 2, vetadas 38

Das 40 propostas presentadas polo Bloque só dúas superaron o veto do PP. En concreto escaparon ao rolo do PP a iniciativa nº 22 para desenvolver a Lei Paz Andrade e aproveitar os lazos coa lingua e cultura portuguesas, e a nº 25 en defensa dos intereses dos gandeiros e gandeiras galegas diante da reformada PAC.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.