Olga Louzao desminte que houbera “contacto algún” con Manuel Martínez e di que “comportamentos coma o seu nunca terían cabida nun partido coma Ciudadanos”

A portavoz de Ciudadanos en Galicia culpa ao PP e ao PSOE “do esperpento que se está a vivir na Deputación de Lugo”
Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Ciudadanos,Política

Olga Louzao desminte que houbera “contacto algún” con Manuel Martínez e di que “comportamentos coma o seu nunca terían cabida nun partido coma Ciudadanos”

Ciudadanos desmentiu categoricamente esta tarde que houbera “contacto algún” con Manuel Martínez e deixou claro que “comportamentos coma o seu nunca terían cabida nun partido coma Ciudadanos”. A portavoz autonómica de Ciudadanos en Galicia, Olga Louzao, dixo que “no ADN de Ciudadanos está acabar co clientelismo e as prácticas corruptas propias da vella política” e afirmou que “a idea que Ciudadanos ten do que é a actividade política e a xestión pública nas institucións desde logo non ten nada que ver co que leva acontecido neste mandato na Deputación Provincial de Lugo”.

Olga Louzao avanzou que Ciudadanos presentará listas en moitos Concellos da provincia de Lugo nas vindeiras eleccións municipais pero serán “candidaturas exemplares”, dixo, “alonxadas deste tipo de prácticas propias doutras formacións políticas”. Explicou que “Ciudadanos está neste momento nun proceso de expansión e implantación importante en Galicia” e definiuno como un partido “transversal” no que “teñen cabida todas aquelas persoas que queiran traballar por mellorar a situación do seu municipio e dos seus veciños e veciñas”, por iso, dixo, “Ciudadanos ten as portas abertas para todas esas persoas sen mirar a súa procedencia pero en Ciudadanos nunca tería cabida Manuel Martínez”, asegurou.

Para a portavoz de Ciudadanos, “a situación vivida na Deputación de Lugo neste mandato é esperpéntica e inaceptable” e lembrou que “Ciudadanos avoga pola desaparición das Deputacións dentro dunha nova arquitectura administrativa do Estado”. Olga Louzao culpou do “caos e descrédito da Deputación de Lugo”a todos os partidos con representación no ente provincial e dixo que “o PP e o PSOE son corresponsables do que está a suceder por usar a institución en beneficio propio e antepoñer intereses persoais aos dos cidadáns da provincia de Lugo”“Seguramente moitas persoas que votaron ao PP e ao PSOE nas pasadas eleccións se terán arrepentido de terlles dado o seu voto á vista de para que o usaron nestes últimos tres anos”, razoou Olga Louzao.

Por iso, dixo, “cada vez son máis as persoas na provincia de Lugo que ven en Ciudadanos unha alternativa diferente e na que se pode confiar”. Na súa opinión, “o feito de que partidos como o PP ou o PSOE centren todos os seus esforzos ultimamente en atacar a Ciudadanos é un sinal inequívoco da súa preocupación”“Está claro que o PP e o PSOE ven a Ciudadanos como unha ameaza aos seus intereses na provincia de Lugo”, dixo.