Oliver Laxe compartirá os seus coñecementos sobre guión na ESAD de Galicia

Oliver Laxe impartirá o faladoiro Arte e Esencia, no que abordará a arte como reconexión coa esencia, co verdadeiro ser.
Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Oliver Laxe compartirá os seus coñecementos sobre guión na ESAD de Galicia

O afamado director e guionista Oliver Laxe atracará en Vigo o vindeiro xoves 20 de febreiro ás 16:30 para compartir a súa maneira de entender o guión e a forma que ten de abordalo no faladoiro Arte e Esencia, que abrirá o programa  A voz autoral na escrita dramática, organizado pola área de Dramaturixa da ESAD de Galicia, onde terá lugar o evento. Laxe compartirá tamén a súa recente experiencia como actor da man de Angélica Lidell –unha das grandes dramaturgas españolas coa que colabora na peza Padre que se encontra agora mesmo de xira en Francia e que chegará aos Teatro do Canal, en Madrid, no mes de maio, aínda que as entradas xa están esgotadas.

A actividade, presentada por Esther F. Carrodeguas, terá unha duración de dúas horas, durante as cales tamén os presentes poderán preguntarlle ao artista galego as súas inquedanzas.
A cita terá lugar na Sala Pedra Seixa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD Galicia), a única Escola Superior en Galicia na que formarse na escritura de guión cinematográfico, series audiovisuais e pezas teatrais.

Oliver Laxe, que xa gañara o Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes polo seu traballo en Mimosas, foi o pasado ano distinguido co Premio do Xurado na Sección “Un Certias Regard”, pola película O que arde, pola que ven de estar nomeado tamén aos Goya. É unha das voces autorais máis importantes do audiovisual da nosa terra. Por todo isto a ESAD Galicia decidiu arrancar con el esta serie de encontros nos que facer que tanto o alumnado como a veciñanza de Vigo poidan coñecer a grandes creadores e creadoras a través das súas voces.

FALADOIRO: ARTE E ESENCIA
PROGRAMA: A VOZ AUTORAL NA ESCRITA DRAMÁTICA
LUGAR: ESAD DE GALICIA – SALA PEDRA SEIXA
CANDO: XOVES 20 FEBREIRO – 16:30 A 18:30
ORGANIZA: ÁREA DE DRAMATURXIA
PRESENTA: ESTHER F. CARRODEGUAS