Onde quere chegar, Señor Alcalde

Un dos achados visuais máis gloriosos das últimas décadas na cidade na que vivo foi o deste horizonte ao que dá forma o actual Museo do Mar e o seu faro adxacente. Emprazado sobre unha antiga fábrica de conservas, transformada despois en matadoiro municipal e reconvertida logo ao seu aspecto e funcións actuais por Aldo Rossi e César Portela, intéresame non tanto como contenedor, desde unha visión interna, como pola harmonía e a beleza que lle engaden ao horizonte.

Sempre pensei que esa era unha das funcións básicas da arquitectura: respectar o medio e engadirlle equilibrio, reducindo no posible o ruído das disposicións espaciais de fondo.

Lémbrame aqueles templetes que os emperadores de Prusia facían chegar desde Grecia para engadiren un adobío clásico ao seu paseo vespertino.

Teño claro que os lugares e as cidades son polo xeral imaxinarios. Aínda que se rexistren no plano do real, e poidan ser pisados, fotografados, ocupados ou abandonados, teñen, pola contra, un algo que os trascende e que persiste na memoria e nos afectos.

Por máis que Platón insistise na súa República en que Política e Poética debían exercer as súas funcións por separado, non cabe a menor dúbida de que moitos dos aspectos neglixentes da actual xestión son produto xustamente da (falta de) Poética.

E se hai algo que defina unha revolución é sempre a súa beleza. W. Benjamin dixera aquilo de sumar as forzas do inconsciente á causa da revolta.

Sospeito que debería ser obrigado para os nosos dirixentes facer un curso de estética, mesmo como substituto desa carreira de Teoloxía Política neoliberal que case todos emprenden pola calada e que conduce a este paroxismo de consumo hortera no que habitamos e de quebra total da solidariedade.

Do mesmo xeito que todo é Política, tamén todo é Poética.

Refínese un pouco, señor Alcalde, fágase ver nos museos do mundo e lea libros de arte. Xa sei que iso non vai mudar moito a nosa realidade. Mais si restarnos algúns sensabores á existencia.

Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa en xullo de 1985, é Catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio en excedencia e, na actualidade, exerce como Profesor Titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Doutorouse en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal. Traballou como profesor invitado no Graduate Center da CUNY (City University of New York).

Colabora habitualmente en revistas e xornais, e é autor de máis dunha trintena de obras que abranguen a poesía, a narrativa e o ensaio literario.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM