Onte iniciouse en Torroso e Mos o asesoramento técnico nas parroquias sobre o inventario municipal de camiños

As principais consultas foron sobre interpretación de planos para a localización de viais e detectar a titularidade municipal ou privada
Publicado por o día 13/12/2017 na sección de Galicia,Mos

Onte iniciouse en Torroso e Mos o asesoramento técnico nas parroquias sobre o inventario municipal de camiños

Onte comezou nas parroquias de Mos e Torroso o asesoramento técnico especializado sobre o inventario municipal de camiños. Durante a tarde e en horario de 17.00 horas a 20.00 horas dous profesionais técnicos ofreceron atención, información e asesoramento aos veciños/as que se achegaron a consultar o documento e que foron sobre 70 persoas.

As consultas fundamentais realizadas pola veciñanza que asistiu en persoa a interesarse polo documento do inventario de camiños foron sobre interpretación de planos para localización nos mesmos de viais concretos sobre os que lles interesaba saber si eran de titularidade privada ou municipal de uso público.

Na tarde de onte comezou a atención pública técnica nas parroquias sobre o inventario de camiños en núcleo rural do Concello de Mos, que foi aprobado inicialmente no Pleno Ordinario da Corporación municipal do pasado mes de outubro.

O documento poderá consultarse ata o 25 de xaneiro de 2018 na parroquia de Louredo no local da Comunidade de Montes, na parroquia de Mos no Pazo dos Marqueses, na parroquia de Guizán no local do Plantel, na parroquia de Dornelas nas antigas Escolas Unitarias, na parroquia de Torroso no Centro Dotacional, na parroquia de Petelos no propio Concello, na parroquia de Pereiras no Centro Cultural Nosa Terra, na parroquia de Sanguiñeda no local da Asociación de Veciños en Piñeiro, na parroquia de Cela na Asociación de Veciños Celado e na parroquia de Tameiga no edificio da Axencia de Colocación de Mos. Ademais colgarase en formato dixital na páxina web do Concello de Mos.

A partir de agora os horarios de atención técnica especializada ao público sobre o inventario de camiños por parte do arquitecto municipal, Manuel Toucedo, e do topógrafo serán de 17.00 horas a 20.00 horas da tarde, o xoves 14 de decembro en Dornelas e Tameiga, o martes 19 de decembro en Petelos e Sanguiñeda, o xoves 21 de decembro nas parroquias de Cela e Pereiras, e o xoves 28 de decembro nas parroquias de Louredo e Guizán. A maiores, en horario de mañá o arquitecto estará no departamento municipal de Urbanismo a disposición de calquera veciño/a que así o demande, previa solicitude de cita.

Tras a aprobación inicial en Pleno, o inventario pasa por este proceso de información pública no que os interesados poden realizar as alegacións que estimen necesarias e/ou oportunas.

O inventario contempla os viais dos núcleos rurais e mediante a realización do mesmo preténdese, segundo declarou o concelleiro de Patrimonio, Camilo Augusto, “especificar os camiños de titularidade municipal e regularizalos especificando os servizos e condicións de cada un dos viais inventariados e aunalos nun documento dixitalizado que permitirá axilizar a elaboración de informes técnicos municipais e, en consecuencia, as licenzas solicitadas polos veciños; entre outras moitas vantaxes”.

O edil Camilo Augusto asegura que coa contratación deste inventario preténdese “crear unha ferramenta de traballo eficaz para o Concello, que constituía unha demanda importantísima dende fai anos tanto por parte dos técnicos municipais como polos veciños e veciñas de Mos”.

O obxectivo deste documento é identificar, definir e valorar os viais públicos existentes nos núcleos rurais que están delimitados no PXOM, 119 en total. Para elo foi necesario realizar un traballo de campo previo para levar a cabo a imprescindible verificación sobre o terreo das características físicas de todos e cada un dos camiños tales coma lonxitude total, anchura media, existencia ou non de saneamento, abastecemento, alumeado público; e tipo de pavimento. Ademais determináronse mediante instrumental topográfico as coordenadas de inicio e final do camiño, así coma as dos puntos de intersección con outros camiños municipais, provinciais, autonómicos ou estatais. Obtivéronse tamén fotografías dos puntos xeoreferenciados.

Unha vez completado o traballo de campo nun núcleo rural tratáronse informáticamente os datos recollidos para completar unha ficha de cada vial. Ademais dos datos anteriores, a ficha inclúe unha valoración do camiño atendendo ás súas características peculiares, para o que previamente fixouse un valor unitario para cada parroquia dacordo cos arquitectos municipais.

O documento final preséntase composto de cartografía e base de datos. A cartografía cos camiños identificados sobre ela presentarase en formato PDF, imprimible en tamaños A3 ou A4. A base de datos recolle todas as características dos camiños, de tal xeito que poida accederse á ficha de cada un deles tecleando o seu correspondente código, as coordenadas dun dos seus extremos, ou o seu nome común. Esta base de datos permitirá a impresión da ficha que consta da configuración e distribución de información acordada cos técnicos municipais.

O inventario de camiños descrito consta, polo tanto, dunha parte gráfica (planos en PDF) e outra numérica ou dixital (base de datos) relacionadas entre sí.

Unha vez rematado o período de exposición ó público deste documento procederase á contestación razonada das alegacións presentadas, modificando no seu caso os datos que procedan en coordinación cos técnicos municipais. O expediente completo do inventario de camiños será aprobado polo Pleno da Corporación Municipal.

Este inventario ven a complementar o arduo labor municipal, primeiramente de nomeamento e sinalización de tódolos viais municipais e renumeración de tódalas vivendas, seguidos da confección dun rueiro do que carecía o Concello.