Un operario resultou ferido de gravidade tras caer dunha altura en Culleredo

Publicado por o día 17/01/2018 na sección de Sucesos

Un operario resultou ferido de gravidade tras caer dunha altura en Culleredo

Os servizos sanitarios de urxencia están a atender a un operario que resultou ferido grave ao caer dunha altura duns dous metros mentres traballaba nun taller situado no Polígono Industrial de Alvedro, en Culleredo.

A alerta chegou hai escasa media hora ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia a través de Urxencias Sanitarias, que enviou unha UVI móbil ao lugar do accidente.

Pola súa banda, o persoal do CIAE informou da situación aos axentes da Garda Civil e aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Ferido cunha motoserra

Tamén en Culleredo, esta mañá un home tivo que ser evacuado por mor dun corte cunha motoserra á altura do pescozo.

Ocorreu minutos antes das doce deste mediodía nun domicilio situado no Lugar de Barrio. Ata alí se desprazaron os profesionais sanitarios, así como os efectivos do servizo local de protección civil, que confirmaron que o home presentaba lesións arredor da clavícula, polo que foi trasladado en ambulancia ao hospital máis próximo.

Igualmente, os servizos de emerxencias descartaron que fose un accidente laboral, xa que o ferido estaba a realizar traballos domésticos.