Opinión por Iria Rodríguez | Franquismo, homosexualidade e agresores sexuais. Memoria histórica

Por o 03/12/2017 | Sección: Opinión,Opinión por Iria Rodríguez
Opinión por Iria Rodríguez | Franquismo, homosexualidade e agresores sexuais. Memoria histórica

Opinión por Iria Rodríguez

Partindo da constatación de que ó franquismo as agresións sexuais non lle facían perder moito o sono en xeral; resulta curioso, tamén terrorífico, o feito de que o franquismo, ó mesmo tempo que penalizaba e negaba dereitos a homosexuais, mirase para outro lado no caso de agresións sexuais levadas a cabo por agresores que agredisen a persoas do seu mesmo sexo. A agresión sexual foi utilizada como arma de represión en prisións (na película baseada na novela autobiográfica homónima Carne apaleada vemos como unha carcereira agride sexualmente as presas a vontade) e é notoria e coñecida por todos a permisividade tácita reinante durante franquismo ante as agresións sexuais da Igrexa Católica (pedofilia, adulto home que agride a neno varón). O meu pai, testemuña na súa infancia de agresións sexuais ós seus compañeiros (Colexio Escolapios, Monforte), sinala a un tal padre Cecilio, a quen acabarían por trasladar polos seus excesos. Regresaría xa moi maior. É importante sinalar, como o meu pai explica, que os padres pedófilos escollían as súas vítimas, preferían nenos moi anenados, de complexión delicada, tímidos, algúns probablemente homosexuais ou que o poderían parecer. Nunca agredirían a nenos como o meu pai, varudos, fortes, rebeldes. Moi masculinos. Conscientes da fraxilidade dalgúns dos seus compañeiros, aqueles que non sufrían agresións tomaban iniciativas en defensa dos seus compañeiros máis vulnerables. Despois de todo tratábase de nenos, os nenos crecen a diversas velocidades, algúns temen máis ou menos a autoridade, proveñen de contextos familiares diferentes. O meu pai encontrábase nunha situación relativamente privilexiada. O meu avó posuía un camión, submistráballes ós padres todo tipo de cousas, fora asalariado dos nazis na súa etapa galega de explotación das minas de volframio: necesitaban telo da súa parte, nunca expulsarían a un dos seus fillos, en principio. De modo que o meu padre  permitiuse o luxo de, por exemplo nunha ocasión, empuxa-lo padre Cecilio ó río Cabe (os seus compañeiros estaban a bañarse no río, o padre Cecilio observaba os seus pequenos pixos con atención, naquela ninguén tiña traxes de baño). Tódolos seus compañeiros  puxéronse da parte do meu pai, confirmando o que non era certo: fora sen querer, un accidente, o meu padre tropezara. Cecilio no só agredía sexualmente ós nenos, exercía a violencia en xeral. Nunha ocasión, ó alzar a súa vara para baterlle ó meu pai (o meu padre nega non estar prestando atención pero esa foi a escusa do señor calasancio) pois meu pai agarroulla e diante de tódolos seus compañeiros, na aula, rompeuna en cachiños con chulería. Tería oito ou dez anos. Como castigo, obrigárono a restaura-la vara. O meu pai buscou unha vara dun material que rompese facilmente, ó primeiro impacto. É dicir, de vimbio non, de castaño. Fina. Outros nenos protagonizaron outros actos de rebelión contra outros padres.

Afortunadamente todo iso xa forma do pasado. Hoxe en día o Colexio dos Escolapios é un colexio mixto concertado no que ensinan profesores que non pertencen a ningunha orde relixiosa e sobre os que en principio felizmente non recae ningunha sospeita. Xa non quedan moitos curas. O que imparte relixión. Seica a materia de relixión católica é obrigatoria. Non o debería ser.     

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.