Opinión por Manuel Moledo | Os pequenos agricultores, a biodiversidade, e o engado da productividade

Por o 19/02/2018 | Sección: Opinión
Opinión por Manuel Moledo | Os pequenos agricultores, a biodiversidade, e o engado da productividade

PEQUENOS AGRICULTORES

O goberno luso ven de presentar o Estatuto para a Pequena Agricultura Familiar. Agárdase que estea en vigor para marzo de 2018 e basearase nestes catro eixos:

– Seguridade Social e condicións fiscais adaptadas a pequenas agricultoras.

– Axudas á comercialización local de pequenas agricultoras, orientadas aos mercados locais.

– Apoio a entrada dos produtos ao mercado local.

– Réxime específico de normas de hixiene e seguridade alimentaria para pequenas leiterías, carnicerías ou queixerías, mais asumibles para estas pequenas empresas.

Preténdese deste xeito que a pequena agricultura teña acceso prioritario ás medidas de apoio da Unión Europea, sexa no investimento ou noutras medidas de apoio ao rendemento das explotacións.

Segundo o Ministro da Agricultura, Florestas e Desenvolvimento Rural, Luís Capoulas Santos, preténdese unha carta de dereitos para “un segmento cun impacto e unha importancia social moi superior á súa importancia económica, (…) porque se trata da poboación rural que ocupa os territorios, cuxo despoboamento nas últimas décadas foi tristemente ilustrado na recente traxedia dos incendios”.

A paisaxe da Galicia rural tradicional é un rico mosaico de pequenas parcelas irregulares, segregadas por sebes vivas e muros, casas de campo illadas e pequenas aldeas dispersas. Este modelo, coñecido como “bocage”, é propio das zonas de Europa Occidental (de aí o parecido con certas zonas de Inglaterra ou Bretaña) e ten una serie de vantaxes ecolóxicas: protexe o terreo da erosión, favorece a regulación hidrolóxica, e permite unha variedade de micro ambientes que acollen e nutren gran variedade de animais e plantas silvestres.

Nas últimas décadas produciuse un retroceso deste tipo de paisaxe debido a varios motivos, maiormente dous:

-Abandono da terra:

O éxodo rural conduce á unificación de terras agrícolas cuxos propietarios buscan a maior rendibilidade inmediata, as máis das veces mediante plantacións de eucalipto ou pino.

-Criterios de produtividade:

O abandono da terra convive coa intensificación das explotacións superviventes. A presenza de valados e sebes, así como moitos metros de linde, supoñen unha perda de espazo. Por isto, búscase unha concentración das fincas e un maior peso do monocultivo para facelas rendibles.

Esta intensificación provoca tamén un cambio nas especies cultivadas. Por exemplo, antes o gando comía sobre todo dos prados, que acollen unha variedade de especies de herbáceas como

trevo, cardo, e moitas especies animais asociadas. Hoxe, abunda o monocultivo, como o millo para ensilaxe, o que reduce a diversidade e xera un maior uso de combustibles, fertilizantes e biocidas. Como contrapartida, favorecen a cría dun maior número de cabezas estabuladas.

Aínda que este é o caso particular galego, a situación (con matices) é trasladable a nivel global. Xa apuntaba a iso James Lovelock, coñecido ambientalista británico e pai da hipótese Gaia, que afirmou:

“… imaxine un enorme xardín con árbores, matogueira e parterres de flores e, separado dalgún modo, un campo valado cheo de verduras e hortalizas e quizá tamén unas poucas ovellas para

que mantivesen o céspede curto. Así era o campo ata que os científicos descubriron que un uso tan ineficiente da terra era un erro. As árbores e a matogueira tiñan que ser eliminados, o céspede tiña que ararse e había plantarse nel un só cultivo que fose adecuado ao clima e o chan locais. Iso foi o que pasou en Inglaterra e en boa parte de Europa entre 1960 e 1980 e por iso agora sentímonos desposuídos. O campo que eu amaba foime arrebatado”.

A BIODIVERSIDADE: CANDO AS ÁRBORES NON PERMITEN VER QUE NON HAY BOSQUE

Asociamos Galicia con bosques. Porén, a nosa e unha paisaxe moi transformada pola man do home, cunha gran tradición de aproveitamento agrícola mesturado co forestal. Onde existen fragas, adoitan ser bosques secundarios (e dicir, que nalgún momento foron tocados polo home). Só en casos contados, como as Fragas do Eume, vemos auténtico bosque primario.

Un bosque é moito mais que amorear árbores. A superficie arbórea aumentou moito en Galicia nas últimas décadas, alcanzando hoxe un 48% da superficie total. Sen embargo, fíxoo baseándose na plantación de especies foráneas coma o eucalipto, o que fixo que o bosque autóctono retrocedera ata ocupar hoxe apenas un terzo da superficie total arborada e seguindo en regresión.

Esta situación favorece algunha especie coma o xabaril, mais destrúe tanto o rico ecosistema das fragas como outras moitas especies que levan habitando séculos ao noso carón nas zonas de cultivo, en harmonía coa paisaxe rural. Hoxe, os réptiles que usaban os valados como lagarteiras, os micro mamíferos que se agochan nas sebes ─e que logo alimentarían ás rapaces─ os anfibios das charcas e regatos ou a multitude de insectos que logo alimentaran a outras especies están ameazados, tal como se ten manifestado desde SEO Galicia.

A esta biodiversidade “natural” que favorecen os usos tradicionais, debemos unir a dos propios cultivos, que se reduce de xeito alarmante en todo o mundo a favor dunhas poucas variedades comerciais. Moitos lembramos como eran de diversas en cor e gran as mazarocas de millo fai non tantos anos, fronte ao aspecto uniforme que agora presentan. A FAO advirte que no século pasado perdeuse o 75% das variedades agrícolas, ameazando a seguridade alimentaria no futuro. Segundo o ex director xeral da FAO, Jacques Diouf, “Aumentar o uso sostible da diversidade vexetal podería ser a clave para abordar as dificultades dos recursos xenéticos na agricultura”.

O engado da produtividade a calquera prezo.

É un mantra na nosa sociedade que a agricultura intensiva e de monocultivo é máis produtiva. A grandes trazos, ademais, é certo. Sen embargo, parece apoiarse nun razoamento que pode ser falaz: vémonos obrigados a pagar o prezo dun entorno tan envexable como posuímos para rañar uns cantos céntimos mais por ferrado cultivado. A pregunta aquí sería ata que punto é necesaria esa produtividade extra?

Resulta difícil de crer que o sexa moito cando, ao mesmo tempo que se intensifica a produción en determinadas fincas, se deixan a monte moitas outras por unha poboación rural cada vez máis reducida e envellecida. Ademais, esta produtividade ten un alto prezo: non só arriscamos

unha paisaxe incomparable que nos caracteriza e que nos enriquece cultural, biolóxica, e mesmo economicamente.

En palabras de Juan Castro Insua, do Centro de Investigaciones Agrarias de Mabegondo, “todo isto está a piques de perderse debido ao abandono do campo e as prácticas tradicionais, que son moito máis custosas en man de obra que as intensivas, pero son moito máis beneficiosas e rendibles nos servizos dos ecosistemas para a sociedade, como a preservación da calidade da auga, a regulación do ciclo hidrolóxico, o mantemento do patrimonio natural e cultural, a calidade dos alimentos e a cultura gastronómica, etc”.

Hai tamén outros perigos, dos que un bo exemplo serían os recentes incendios que devastaron a nosa terra. A perda de diversidade non só de especies silvestres, senón de cultivos, ten consecuencias. José Esquinas-Alcázar, enxeñeiro agrónomo e xestor da Cátedra de Estudios de Hambre e Pobreza na Universidade de Córdoba, advirte que é a diversidade o que permite a selección e ofrece máis oportunidades para adaptarse aos cambios climáticos e mellorar a resistencia ás enfermidades. Nos cultivos homoxéneos, calquera problema pode traducirse nun drama.

A terrible fame de Irlanda a mediados do século XIX foi causada por un fungo que matou as variedades de pataca moi homoxéneas que se cultivaron alí. Como non había outros tipos de patacas, todas as plantas da illa morreron. Houbo millóns de mortos e desprazados…, todo isto sen entrar a valorar as vantaxes gastronómicas dunha boa variedade de cultivos.

Fomentar desde as institucións, como agora parece atreverse o goberno luso, unha maior presenza de pequenas explotacións pode ser, ademais dunha redistribución da riqueza que fomente o mantemento da poboación rural, unha axuda para voltar a un uso da terra que permita unha maior riqueza biolóxica e paixasística.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.