Opinión por María B. | O futuro do traballo asalariado

Por o 04/12/2017 | Sección: Opinión,Opinión por María B. Varela

Antes de entrar en materia gustaríame deixar claro, anque supoño que podería deducirse da lectura, que quen subscribe non ten formación económica algunha, simplemente curiosidade polo mundo que lle rodea. Sobre o traballo tense escrito e debatido ata a saciedade, o que da idea da súa importancia.

Esta importancia ven dada polo feito de que, hoxe por hoxe, o traballo asalariado continúa supoñendo o medio de vida da maioría da poboación, aquelo que asegura a cobertura das súas necesidades básicas e, en moitos casos, facilita o desfrute do tempo de ocio e/ou proporciona seguridade en forma de aforro. Se se enfoca o tema desde un punto de vista estritamente económico, o salario representa unha das principais vías, xunto cos impostos, do reparto da riqueza.

Este último punto, a distribución da riqueza, é fundamental para o mantemento do consumo que teñen que realizar os destinatarios finais da produción, vostede e máis eu, ao fin de lograr o equilibrio do sistema. O consumo é o lubricante do capitalismo. Agora ben, o quid da cuestión está no dobre papel representado polas persoas asalariadas no xogo económico. Por un lado está a mencionada faceta de consumidores, isto é, clientes. Por outro lado, os asalariados conforman o que no argot económico se denomina xenéricamente “factor traballo”, dito de outro modo, aportan á produción a man de obra. Así considerado, o traballador vese sometido á lei da oferta e da demanda, igual que o resto de factores produtivos.

Durante un longo período da nosa historia, o traballo humano non soportou practicamente competencia, era imprescindible. Ata que a revolución industrial inaugurou un fenómeno que perdura no tempo e que foi evolucionando con aceleración crecente: a mecanización, automatización e tecnoloxización da produción. A tecnoloxía cubre cada vez unha porción maior do ámbito propio do traballo no sistema produtivo, desprazando ao home, que progresivamente está sendo menos necesario. Ao igual que ocorre con calquera outro factor produtivo, a combinación de unha diminución da demanda e un mantemento da oferta implica necesariamente o descenso do prezo, o que se chama “precarización”. E máis, a demanda vese tan reducida que o equilibrio non se pode alcanzar tan só axustando o prezo, polo que existen excedentes de oferta, isto é, “desempregados”.

A situación ata aquí descrita non é estática, senón todo o contrario. A sucesiva substitución do factor humano por máquinas, no sentido más amplo do término, redunda nunha ineficiente distribución da riqueza, o que, a súa vez, contrae o consumo. Durante uns anos, os inmediatamente anteriores á crise da presente década, esta insuficiencia trátase de solapar a base de acceso fácil ao crédito. Pero esta vía parece esgotada, polo que a sociedade atópase nestes momentos ante a necesidade de atopar novas solucións.

Esta tarefa ten que acometerse sen demora, pois non se trata tan só de facer funcionar o engrenaxe económico. O traballo ten unha dimensión social que se debe ter moi presente. Na situación actual, na que existe un exército de parados dispostos a aceptar as condiciones que lles sexan impostas para lograr cubrir tan só as súas necesidades máis básicas, a precarización esténdese como unha mancha de tinta no papel. É en este entorno no que aparecen conceptos como a renda básica (nas súas distintas versións) e o reparto do traballo. No primeiro caso, trataríase de garantir de por vida a cobertura das necesidades primarias da poboación, que podería continuar traballando, tanto en actividades con remuneración monetaria, como en labores non remuneradas. En calquera caso, empoderaríase á sociedade para loitar contra da precarización, asegurando o seu mantemento básico. No segundo caso, a proposta consiste no puro reparto da demanda existente, por exemplo, coa redución drástica dos horarios laborais. Isto permitiría incrementar o grado de autosuficiencia persoal, que alcanza mínimos históricos debido ao acelerado ritmo de vida actual.

Nos dous casos, a idea que subxace é o restablecemento do equilibrio a través dunha redistribución da riqueza. Chegado este punto, cabería preguntarse se o progreso científico e tecnolóxico traerá novas profesións que suplan a ausencia de aquelas que vaian desaparecendo debido, precisamente, a ese progreso. Evidentemente, isto será así, pero non existen indicios de que estas novas ocupacións vaian a garantir o emprego da man de obra excedente. O que si parece asegurado é a mellora continua da produtividade, polo que non se prevén descensos no nivel de produción. Consecuentemente, débese ter moi presente que o entorno ao noso alcance é finito, como o son os recursos dispoñibles. Non se poderá crecer indefinidamente, salvo que o ser humano sexa capaz de ampliar eses límites.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.