Opinión por Carla Leiras | Nada que celebrar

Por o 10/08/2019 | Sección: Opinión,Opinión por Carla Leiras
Opinión por Carla Leiras | Nada que celebrar
Compartir en:

Hai poucos días facíase viral un artigo de Público no que se falaba de que nos están tentando convencer de que a pobreza é algo “cool”. Nel mostrábanse unha serie de titulares que enfocaban
situacións precarias e moi graves como “modas” ou simples maneiras de vivir. Por exemplo ilustraba reportaxes bautizando como ” freeganismo” a acción de recoller comida do lixo dos supermercados, enfocándoo como unha filosofía de reciclaxe alimentaria para loitar contra o malgaste e non como unha manifestación de necesidade ou incapacidade de adquirir productos frescos.

O que hai detrás desta maquinaria comunicativa que nos incita a pensar, subliminalmente, que os nosos estados de precariedade son normais, habituais, colectivos, é interesadamente rendible para os grandes poderes, que conseguen que os cidadáns entremos nunha percepción da realidade nubrada e virtual, na que nos afacemos a que o “novo escenario” sexa este e por tanto
tentemos, en pos de non caer no desánimo, facernos á idea de que a nosa vida vai ser desta maneira, e que non hai nada de malo en buscar fórmulas para quentarse sen calefacción, que vivir catro nun piso aos cincuenta é unha experiencia enriquecedora e cool, que usar roupa con vida útil de poucas semanas é parte de seguir tendencias ou ir sempre á última
moda.

Pois claro que hai moito de malo nisto. Os estados de pobreza non dignifican en absoluto, son as persoas as que son dignas, mais alá das súas circunstancias materiais: debemos saber percibilas como un contexto alleo a nós que non nos define, nunca, porque non o levamos dentro, senón que é estrutural e chega imposto desde fóra.

Dicía Daniel Raventós, economista español prol renda básica, que as necesidades non cubertas provocan inevitablemente unha completa falta de liberdade, e por tanto, ao estaren condicionados constantemente pola existencia material, esta tería unha importancia considerable en relación á nosa capacidade de desenvolvernos plenamente como cidadáns. Isto non significa que a única vía de realización humana estea ao alcance dun no caso de que leve unha vida acomodada, senón que prescindir de certos elementos de primeira necesidade (alimento, vestido, teito, enerxía) non nos permitiría, pola mesma pirámide de Maslow, ter espazo suficiente para desenvolvernos noutros escenarios.

Así, unha persoa que vive na rúa atópase con enormes problemas para desenvolver unha actividade social, cultural, política, porque está condicionado o seu acceso a todas estas ramas; e el poñendo toda a súa enerxía en regularizar a súa situación e saír dela canto antes. As súas prioridades son claras, e é complexo que haxa espazo para máis.

A reacción social debe pasar por favorecer esta participación dos perfís empobrecidos, facilitándolles achegarse á convivencia plena a pesar do seu contexto arduo, pero por enriba de todo, atacar a raíz, a necesidade profunda e crónica que hai que substituír por un estado de estabilidade e seguridade plena para cada individuo.

Queixámonos a miúdo de que moitos dos nosos representantes políticos non se parecen ao “pobo”. Pensamos que a persoa ameazada de desafiuzamento inminente vai sacar enerxía para coordinar traballo ou militar? ¿ou que un rapaz que traballa de teleoperador cobrando SMI e remata a súa xornada ás dez da noite, ten tempo para achegarse a unha asemblea? pode ir un
perceptor de RISGA a tomar un café tranquilo a unha terraza sen que se lle estea sinalando por “parásito”? sabemos realmente, analizamos, a contorna de rapina na que nos atopamos, acirrada desde as superestruturas, para que os de abaixo miremos con receo ao de á beira?

E para que nos definamos nós como perdedores. Por non saber inventar Google, Facebook, Amazon, e todos eses exemplos que nos poñen de proxectos exitosos que empezaron “desde abaixo”. Como Amancio, o emprendedor. O explotador, o esclavista. Canto traballo proporciona. Que bo nome dá ao país. Poderiamos facelo todos, empezar por vender batines e terminar por amasar un imperio. Pero non soubemos. Cómprase o concepto americano de ” loser”. Cómprase e véndese todo, desde o momento mesmo en que aceptamos o concepto “mercado de traballo” desde o sindical.

A saída? Organizarse, e presentar batalla desde a unidade, esixir con paso firme e traballo colectivo un cambio real, urxente, profundo, que nos faga donos de nosa propia liberdade, que reequilibre os poderes tan desiguais que asumimos pacientemente como meras derrotas. Ese complexo histórico de que os malos gañan sempre.

Que ninguén nos convenza de que é “normal” tremer a final de mes. Nin de frío polas noites. Nin temer atoparse enfermo por se nos botan á rúa. Nin de que ir facer a coada a un ” wash” por non ter lavadora faranos coñecer xente mentres esperamos. Non nos conformemos. Non normalicemos un medo diario, unha angustia sempiterna que nos acompaña alá onde vaiamos, porque
asimilamos, aceptamos, que é o estado natural para toda esta xeración. Non nos merecemos vivir desta maneira. E resignarse non é unha opción.

A emenda pasa por tecer redes fortes, impenetrables, que acumulen poder real, un que poida poñer en xaque aos que mandan, aos que ostentan a súa riqueza impunemente, aos que nos dixeron que todo isto é culpa nosa, que non quixemos prosperar, que non madrugamos suficiente, que comemos froita por encima das nosas posibilidades, que non quixemos aceptar aquel traballo con salario de miseria e agora estamos fóra de “mercado”.

Estamos esgotados. Dóennos ata as pestanas. A sensación de vulnerabilidade diaria e falta de control domínanos, corróenos, condiciona as nosas relacións persoais, laborais, familiares. Fillos? viaxes? Cómo, desde o medo, desde o bloqueo constante, desde a batalla diaria por subsistir sen endebedarnos, por estar aí con recursos para arroupar aos nosos.

Aos dez minutos de ser diagnosticados dunha enfermidade grave, estamos a pensar en se imos poder pagala. Poñamos fin a celebrar iso. Non hai dignidade en quen nos subxuga. Tomemos o que é o noso por dereito. Formémonos, informémonos, forxemos valores, empatía, conciencia, intelixencia emocional, resiliencia, todas as armas imprescindibles para esta contenda; as mesmas que nos roubaron para usarnos adocenados e sen forzas nin para berrar a nosa raiba nas rúas.

“Nada que perder salvo as cadeas”. Seguimos aí. Non serán de ferro, pero pesan, afógannos, atrápannos.

Non as agradezamos. Nada que celebrar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.