Opinión por Iria Rodríguez | Reintegracionismo, radicalismo superficial e neoliberal versus un radicalismo verdadeiro e fundamentado

Por o 26/06/2018 | Sección: Opinión,Opinión por Iria Rodríguez
Opinión por Iria Rodríguez | Reintegracionismo, radicalismo superficial e neoliberal versus un radicalismo verdadeiro e fundamentado

O reintegracionismo paréceme un atraso. Sempre me cheirou algo raro o asunto e nunca adherín a tales teses pero só recentemente identifiquei de maneira consciente e lle puxen nome á relación entre as teses reintegracionistas da lingua e a propaganda capitalista que nas universidades galegas, e non só nas galegas, se nos inxecta impositivamente.

Na Licenciatura de Tradución moitos profesores defendían teses reintegracionistas, hai 20 anos. Uns cantos, non todos, pero os máis, consideraban que o galego non era unha lingua e que nela non merecía a pena producir coñecemento aludindo a criterios economicistas, aínda así cobraban por ensinala e por suposto ensinábana mal. Incluso profesores non reintegracionistas repetían o mantra de que a produción en galego era insostible (supoño que por unha especie de pesimismo). Eran tempos en que para algúns, vender, como agora se está a vender, produción audiovisual de calidade en galego—Hospital Real—ó estranxeiro resultaba impensable. A min, como son moi tola, todo me parece realizable.

Non compensa producir en galego dicían algúns profesores. O galego está condenado a desaparecer porque o mercado interno do galego é insuficientemente grande. Non é certo.

Producir en portugués por non producir en castelán porque teoricamente producir en galego non dará beneficios monetarios… Ridículo. Ademais, e o be-ne-fi-cio so-ci-al? De todas formas, un forte mercado interno de calidade é sostible. Non só no caso da cultura. Tamén no da alimentación de proximidade. O consumo de proximidade. O meu coñecemento do inglés permíteme acceder a moita información que non está dispoñible nin en español. No entanto, creo que sería moi importante investir en traducir a galego moitísima bibliografía. Médica por exemplo. Psiquiatría progresista. Os libros do meu adorado Peter Breggin. Quen fose dignamente pagada por traduci-la súa inxente obra…!

Non podemos visar a arredarnos da nosa verdadeira identidade e transformarnos nalgo que non somos, perde-la nosa identidade por parecernos máis a unha outra cultura, a unha lingua e unha gramática que xa non é a nosa (aínda que esa cultura xurdise de nós, do sur da Gallaeccia) e moito menos baseándonos en argumentos neoliberais de lucro como fin único da produción cultural ou de cero investimento público porque… alteramos o mercado?

Ese Deus iracundo ó que non debemos anoxar?

Non debemos esquecer que Portugal foi un país colonialista, que impuxo a súa lingua a outros pobos. Obviamente, a colonización exércea o poder, os poderes fácticos, non os individuos, o pobo, os cidadáns. A min persoalmente horripílame que se xustifique e pretenda defende-la nosa continuidade como nación e como grupo lingüístico en termos numéricos. Inflándoa incluíndo os falantes de portugués e inflándoa incluíndo os angolanos e outros cidadáns africanos das ex-colonias, moitos deles que nin portugués falan, da mesma forma que os que contan o número de falantes de castelán inclúen os nosos avós? De verdade? Nós? Defendendo o criterio do número de falantes?

Debemos sentirnos orgullosos da nosa capacidade de supervivencia a pesar do noso pequeno número.

É certo que Galicia está moi despoboada e cada vez máis concentrada nas cidades. Se nos comparamos con Gales, cunha densidade de poboación lixeiramente maior ou co Líbano, moito maior: somos poucos.

O despoboamento non é unha catástrofe natural inevitable nin un proceso irreversible. Soluciónase tomando medidas perfectamente viables.

Os galegos temos que centrarnos en reafirma-la nosa identidade. Afondar no coñecemento da nosa diversidade interna. Evidentemente o estudo do portugués, en todas as súas variantes, é útil e é enriquecedor. Axúdanos por exemplo a lembrar termos que tíñamos un pouco lonxe na nosa memoria, sírvenos de referencia.

Hai moitos falsos amigos entre o galego e o portugués: jantar significa cear en Portugal mentres que, en Galicia, xantar significa comer ás doce, segundo a hora vella. Moitos defensores do reintegracionismo descoñecen por exemplo que en portugués o ‘x’ úsase como se usa en galego: ‘baixar’ ‘deixar’. De feito moitos reintegracionistas parecen ter poucos coñecementos de portugués. Brasileiros e portugueses acentúan distinto as esdrúxulas. Colocan de forma distinta os pronomes.

Eu valoro as diferentes variantes do portugués porque nos enriquecen pero sempre tendo en conta a súa alteridade.

O reintegracionismo atrae por un lado a aqueles que senten a necesidade de aparentar un falso radicalismo; non porque crean na necesidade de transforma-la realidade de forma radical, non porque crean na necesidade da busca de novos enfoques, nin na implantación de novos paradigmas; senón por puro ego en moitos casos.

O reintegracionismo atrae así mesmo por outra banda a unha pequena parte de aqueles que falan en variantes do galego ós que o estándar lles queda moi lonxe, que non se identifican co estándar.

Castelao é un exemplo de escritor cuxa linguaxe é moi próxima á norma (só que como bo rianxeiro era cheísta). Un que se arreda moito é Anxel Fole. Pero é lingua galega, unha variante moi bela (con algún castelanismo fácil de identificar) aínda que o criterio de beleza tamén me parece estúpido. Hai linguas que me parecen horrorosas e nunca deixarei de defendelas.

Pero neste último sentido, no do problema da distancia á norma dalgunhas variantes, hai solucións. Da mesma maneira que existen distintos estándares en castelán (en word aparece ‘español de Argentina’, aparece ‘español de Chile’, ‘español de España’) e non só en castelán; pois deberíamos dividi-lo noso estándar en varios estándares e que cada un escolla o seu. Incluso elaborar unha guía para orienta-los nosos cidadáns en función da súa vila de orixe. Tres ou catro estándares se cadra. Galego -central, -occidental, -oriental? Non sei. Sería un traballo para os especialistas en dialectoloxía.

Tamén segue habendo en Galicia un baixo coñecemento da norma, por culpa, claro, da insuficiencia de recursos e medidas efectivas, do desvío de fondos que supostamente deberían servir para protexe-lo galego e estimula-lo seu uso e aprendizaxe cara á compra da opinión dos medios de comunicación privados (como se a instrumentalización partidista dos medios de comunicación públicos non lles fose suficiente): non é incorrecto o uso do pronome ‘tu’ nin ‘il’ nin mante-lo grupo culto -gua- ‘guardar’ ou ‘cua’ ‘cuatro’ ou face-los plurais das palabras rematadas en -n, no canto de -ns, como -s ou -is ‘cans’ cas’ ou cais’.

O dicionario da Real Academia Galega (sería mellor ‘Academia Republicana da Lingua’ ou simplemente ‘Academía da Lingua’) construímolo todas e todos cada día. De feito, tanto no site Portaldaspalabras (contén o dicionario da Academia) como no site da Academia pódense formular preguntas, preguntar dúbidas, facer suxestións.

Tamén hai outras vías para iniciar un cambio fronte a certo malestar que poida existir en aqueles que falen en variantes moi distantes da norma pero pola vida hai que ir protestando con argumentos ben fundamentados. Ou non? E iso esixe traballo e esforzo. Non se pode criticar tan a lixeira a aqueles filólogos que están a realizar un inxente labor dende hai moitos anos na tarefa de reconstrución da lingua e da norma nin crer que a solución fronte ás discrepancias normativas pode ser que uns cantos se inventen unha norma nova que non estea construída con criterios serios e científicos aplicados de forma coherente.

Cando dicimos crianza en lugar de neno, nena ou pequeno, pequena, pícaro, pícara, meniño, meniña, cativo, cativa, estamos renunciando á nosa identidade e estamos afastándonos de nós mesmos. Certo é que o portugués foi unha ferramenta inicialmente moi importante á hora de reconstruír a lingua. Pero debemos crer que a non existencia do portugués non impediría a nosa supervivencia.

Fixemos máis do que parece todo este tempo e estamos dispostas a seguir traballando moito, coma sempre. Non queda outra.

Nací en 1980, soy licenciada en Traducción e Interpretación por la Universidad de Vigo (un desastre formativo) y en Literatura Lenguas y Civilización Estranjera por la Universidad Blaise Pascal (pública y francesa). Profesora de clases particulares. Sólo traduzco literatura. Podemita hasta la médula. La traducción de la Peste de Albert Camus a gallego es mi primer gran proyecto (60 % realizado), en stand-by por mis problemas de salud. Con endeometriosis y un tumor (probablemente benigno) de 8 cm en mi ovario derecho. Activista por la ilegalización de los antidepresivos y endurecimiento del control de las benzodiacepinas. Activista por la democratización del aprendizaje musical, luchando porque el ballet y la capoeira ocupen un espacio similar al que ocupa el fútbol ahora en Galicia sin despreciarlo. Enamorada de un hombre lobo, feminista, nacionalista y madrastra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.