Opinión por Luís Rei | La chistera de Mosquera

Por o 27/01/2019 | Sección: Opinión
Opinión por Luís Rei | La chistera de Mosquera

Artigo de opinión do candidato e voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei.

 
Peza fundamental no Bloque de Lores, como fiel lugartenente do político duracell, abandeirado dos redutores de velocidade e señor dos composteiros, Cesáreo Mosquera (o do “gran pipí, segundo nos contou e cantou un dos troveiros da causa) acaba de ingresar na moi nobre e moi simpática Confraría da Prestidixitación.
 
Que se preparen o Mago Antón, Tamariz “o melenas” e David Copperfield: chegou don Cesáreo, o novo máxico prodixioso, cunha “chistera” de dimensións tan descomunais que, no canto dun coello Coren, colle dentro dela toda unha (imaxinaria) flota de autobuses (de nove prazas) á demanda (das parroquias).
 
No mundo das ilusións de cubilete, coa axilidade dos dedos do carteirismo artístico e palabra de trilero das Ramblas… e apenas a catro meses escasos dunha cita coas urnas, é ben que os humildes espectadores da Boa Vila rebobinemos ata unha tripla de escollidos momentos anteriores, tanto do propio Mosquera coma doutras primeiras figuras da troupe, incluído o seu Gran Timonel.
 
Titulaban precisamente con el os xornais do 12 de marzo de 2008: “Lores reclama de Caride a posta en marcha do transporte metropolitano”. E engadían: “Trasladaralle á conselleira a preocupación polo atraso na (súa) implantación na capital”.
 
Outrosí, e con foto do señor González Carballo, don Raimundo, titulaban os xornais do día 16 de novembro de 2016: “Pontevedra implantará en el rural una red de transporte público a demanda” (obsérvese a conxugación do verbo en futuro, implantará, e a data, 2016).
 
Na, de momento, última función do grande espectáculo do Bloque de Lores, toucoulle saír á pista (e non estrañaría que caese un premio mesmo por só o anuncio), ao señor prestidixitador coa súa “chistera”, da que sacou o titular que recolleu a prensa toda a cinco columnas: “Mosquera anuncia un plan de transporte pioneiro e modélico para Pontevedra”. E advertiu: “Non podería ser contratado para o centro urbano nin en sitios onde opere a Xunta de Galicia con algunha liña interurbana”. E tamén: “Xestionará unha empresa privada”.
 
Máis alá das diverxencias (que as hai, e moitas) as preguntas veñen a pares, como as cereixas ao tirarlles do rabo: Por que esta vez debemos crer ao Bloque de Lores? Por que a respecto do transporte non foron nada guiados nos longos vinte anos, todo o século, que levan gobernando? Será que non foi tempo abondo!
 
Si. Como di Mosquera o da chistera: “Malo termos buses sen xente”. Só que peor, moito peor, termos xente sen buses. Cousa ben contraditoria, por certo, con sermos a cidade do mundo mundial campioa en mobilidade. Coñécese que a algúns lles presta  máis máis movérense ata Pequín, Ciudad de México ou á Sorbona, ida e volta, que movérense desde Michelena 30 a soamente Marcón, Bora ou Xeve. Claro que os  veciños xa lles están mirando o truco. Todo paparruchas.
 
Luís Rei

Comentar noticia

Your email address will not be published.