Opinión por Xurxo Rodríguez | Mes de Santos

Así rezaba no santoral dos galeguistas. Santos, non Samaín nin Halloween. Por estas datas Celia, a nai de Molina, puña o seu trebello maquinista onda se topaba a droguería La Única, fronte as escaleiras que baixan á Barroca, no Paseo de Alfonso, virando a Rúa Elduayen, hoxe engalanada con faixas penduradas dos balcóns en protesto por mor dun tunel que pensa furar coma unha toupeira o bandullo desa rúa.

Pois falaba de Celia e a súa maquina de asar castañas. Antano estiver tamén ao pé da Oliveira onde principia a Rúa Pobladores.
 Para acompañar as castañas o viño tinto do Ribeiro de Concha, que traía o seu home, Jaime, en bocóis e abillaba no bar de seu na Rúa de Santiago número sete fronte ao Tres Ventanas de Balbino.
 Viño e castañas asadas daban lugar a convivios nos que a imaxinación se excitaba con contos do alén. En paralelo a estas vivencias, en tempos nos que non nos asolagaba internet, xa nalgúns fogares, eran os anos sesenta e comezos dos setenta, a canle única, agás UHF, da televisión pública ofrecía nun ritual anual a emisión de Don Juan Tenorio…almas do Purgatorio, de José Zorrilla, apoteósis do romanticismo español.
Nas cociñas das casas prendíanse velas e mariposas navigando en aceite, neste caso non me atrevo a chamárllles volvoretas por inadecuado, que simbolizaban o espírito dos deuses lares, os nosos antergos ou devanceiros.
Engado a visita ao camposanto, as flores coa súa mensaxe paradóxica de frescura e efémero. O remate destas datas era a obertura do escuro na compaña de grolos e fechas de tinto e licores que apuntaban saxitalmente ao corazón da diana do Misterio no portaliño do Nadal. E de antroidadas de Halloween, ren.

Nado ao remate dos cincuenta do pasado século en Vigo. Estudos de Filosofía en Compostela e de Ciencias Políticas na UNED. Coa entrada do presente século trasladeime a Canarias onde desenvolvinme nunha intensa laboura xornalística principalmente no medio radiofónico, dirixindo e locutando entre outros os programas Troula, Triskel e Ultreia. Asimesmo fun Presidente fundador da Asociación Sociocultural Alexandre Bóveda Fuerteventura. Tamén publico no blogue Distopías18.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario