Opinión por Xurxo Rodríguez | República liberal e burguesa

Por o 07/09/2018 | Sección: Opinión
Opinión por Xurxo Rodríguez | República liberal e burguesa

No diario ´El Sol´, alá por finais de 1930, publicou Ortega y Gasset o artigo “El error Berenguer”, referido á dictabranda, período de transición da ditadura primorriverista á Segunda República. O artigo finalizaba coa sentenza, coñecida por case todos, Delenda est Monarchia, a Monarquía debe ser destruída.

Aos poucos meses, sería febreiro de 1931, Ortega constitúe con Marañón e Pérez de Ayala a Agrupación ao Servizo da República, que nas Constituíntes logrará escano para os seus promotores.

A defensa que estes facían da República érao desde unha perspectiva liberal aínda que non estritamente na acepción dura hoxe ao uso senón máis ben progresista nun sentido tampouco moi preciso.

A Segunda República tivo unha vida convulsa e un tanto azarosa e dela foron distanciándose algúns destes integrantes da intelectualidade. Como é sabido acabou de forma cruenta cun golpe de estado que deveu nunha guerra de case tres anos, dando paso a unha ditadura de case corenta.

Aínda hoxe en amplos sectores de poboación a República asóciase a desorde, esquerdismo e guerra. Para outros democracia e progreso forzadamente interrompidos.

Separadamente das leccións, non sempre unívocas, da Historia, hai algo claro, a República como institución non é de dereitas nin de esquerdas, na linguaxe actual diríase transversal.

O sucinto e incompleto repaso anterior sérvenos para deixar claro que a República é unha institución orixinariamente burguesa fronte ao absolutismo ou ditadura, que por conveniencia as clases poderosas poden declararse accidentalistas ou monárquicas, pero ao mesmo tempo poden reverter as súas posicións.

Se a Monarquía actual pasase de ser unha garantía para as clases posuidoras hexemónicas a un factor de desestabilización social e política a abandonaran.

Estou pensando en Cataluña e a súa onda expansiva.

Nese escenario ou terreiro tócalle hoxe imperativamente xogar ás esquerdas.

Non poden evitar ese envite.

Xurxo Rodriguez Pérez é activista social e membro da asociación A.C.G. NOFU (Asociación Cidadá Galega NO OLLO DO FURACÁN). Tamén ten colaborado con diversas emisoras de radio como xornalista e analista político.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.