A oposición ao xigante REE toma corpo nas Mariñas coruñesas

A plataforma contra a liña de alta tensión nas Mariñas rexeita o plan de REE porque a subestación “non é necesaria” e ocasionaría “danos ambientais e na saúde da poboación”.
Publicado por o día 29/04/2017 na sección de A Coruña,Galicia,Opinión por Erik Dobaño,Vigo

A oposición ao xigante REE toma corpo nas Mariñas coruñesas

Por Erik Dobaño

O xigante Red Eléctrica Española, compañía de roupaxe pública e capital privado en maioría, que leva meses (moitos) traballando en silencio nunha zona do Concello de Abegondo próxima ao encoro de Beche para adquirir terreos nos que construír unha infraestrutura de transporte de enerxía, xa ten oposición. É unha plataforma impulsada por colectivos veciñais, conservacionistas, partidos políticos e activista individuais que se chama Non Liña de Alta Tensión nas Mariñas e que esta mañá se presentou no local da Asociación de Veciños de Celas (Culleredo) xunto a torre medieval convertida no seu día en símbolo da resistencia do val a perder memoria e territorio.

A Torre de Celas, cun fermoso xardín, foi testemuña da determinación dunha plataforma á que lle puxeron rostro dúas mozas, veciñas da contorna, á que prestaron apoio explícito organizacións como Adega e Petón do Lobo, e partidos como o Bloque, En Marea e Alternativa dos Veciños de Culleredo. “Non vemos a necesidade de que se constrúa. Non é nada que vaia repercutir na calidade do servizo á veciñanza, se non que é un negocio en base á explotación e exportación da enerxía con altos custes ambientais e sociais”, explicou Marta Galán.

Ao seu lado, Susana Moar engadiu argumentos á negativa: ”A infraestrutura afectaría a zonas nas que habitan especies que o Catálogo Galego e a Directiva Hábitat cualifican como ameazadas. Respecto dos impactos na saúde das persoas, hai evidencias científicas, avaladas pola Organización Mundial da Saúde, dos riscos da exposición a niveis elevados de radiación electromagnética. Na normativa española, do 2001, os límites destes niveis para este tipo de instalacións como a que pretende executar REE superan con moito o limiar recomendado polos estudos de epidemioloxía. É dicir, nin sequera a normativa en vigor está a protexer á poboación contra eses impactos”.

Subestación e tendido

Os plans de REE contemplan a construción dunha subestación nun monte próximo ao encoro de Beche e un tendido de uns 30 quilómetros con liñas de 220 kv. e 440 kv. cun trazado que afectaría a seis concellos da comarca.

A plataforma considera que REE estivo ofrecendo información pouco clara os veciños, cando o fixo, e que desde hai uns meses foise concentrando en convencer, un a un, aos propietarios das parcelas nas que pretende construír a subestación.

“No outono de 2016 fun convocada a unha reunión no Concello de Abegondo no que REE ía explicar os seus plans. En novembro, REE convocou en Abegondo outra reunión para informar aos veciños. Alí e fixemos preguntas. Pensamos que habería que dar a réplica ao que estaba dicindo REE e nesas topámonos con que había xente organizándose noutros concellos como Carral”, explicou Susana Moar.

Punto de inflexión para un novo modelo enerxético

A mensaxe da plataforma foi rotunda: a infraestrutura non é necesaria para os veciños, non hai razóns para asumir os costos ambientais de facela, polo tanto, “non debe facerse”. E as portavoces engadiron que “este debe ser o punto de inflexión para que en adiante se paren en todas partes este tipo de agresións ao territorio e se pense nun novo modelo enerxético”.

BNG e En Marea xa rexistraron no Parlamento galego iniciativas para abordar este conflito. E a plataforma despediuse sinalando á Xunta os tres instrumentos normativos cos que conta para frear os plans de REE: o convenio de Aarhus, as Directrices da Paisaxe de Galicia, agora en fase de discusión, e a avaliación do impacto ambiental se a compañía insiste en presentar o proxecto.

Despois da rolda de prensa e das entrevistas para as emisoras de radio, Galán e Moar participaron nunha asemblea improvisada para informar das últimas novidades do proceso aos veciños e colectivos que se achegaron este mediodía até Celas.