Oposición de Educación: un sistema opaco, obsoleto e inxusto

A Unión Sindical de Docentes de Galicia USDG reclama un sistema de acceso que integre as vidas dos e das docentes sen praza, que permita ás persoas sen experiencia ter un acceso onde sexan valoradas transparente e obxectivamente.
Publicado por o día 15/07/2018 na sección de Educación,Galicia

Oposición de Educación: un sistema opaco, obsoleto e inxusto

Dende a USDG denúnciase a “escabechina” que está a ser esta oposición tamén en Galicia. Pero non
só: nas convocatorias de anos anteriores pasaron, igual que este ano, a primeira proba en secundaria, a de coñecementos, case o mesmo número de aprobados que prazas. Que isto sexa así, é moi sospeitoso, porque estatisticamente é imposible que isto ocorra. Este tipo de prácticas de modificación de notas quedaron xa demostradas que polo menos aconteceron no 2009 como se dictaminou na Sección Terceira da Sala do Contenciosos Administrativo do TSJ de Castilla y León, nunha sentencia na que se ve probado que dende a Consejería teríanse trasladado “recomendaciones,sugerencias y criterios”, e se considera que “es clara la rebaja generalizada de las calificaciones para evitar que excesivos aspirantes superasen el cinco”. En base aos precedentes, pese a que a USDG trasladou nun recurso potestativo á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Galicia indicacións para que isto non ocorrese, posto que se vulnera o fundamento do concurso-oposición, está a volver a ocorrer, xogando ca vida das persoas que puxeron esforzos, tempo e diñeiro en prepararse para un exame.

Son moitas as queixas e demandas que se escoitaron neste sindicato en relación aos procesos selectivos deste ano. As máis básicas atinxen a condicións espectacularmente adversas para a realización dun exame (como temperaturas de máis de 35oC no recinto do exame ou longas esperas ao sol). Outras, tamén clamorosas, implican modificacións nos criterios de avaliación publicados con posterioridade á realización da proba e en relación a un problema irresoluble, defectos en enunciados que foron corrixidos ao longo da proba sen compensación de tempo e incluso fallos na custodia de probas. E temos outras, as esperables, que por coñecidas non deixan de ser indignantes e inaceptables: a opacidade de criterios de cualificación da primeira proba (publícanse uns xenéricos de avaliación uns días antes do exame), a imposibilidade de poder revisar o exame unha vez feito, a non publicación das notas de suspensos da primeira proba ao mesmo tempo que os de aprobados, e, por suposto, o significativamente baixo número de aprobados nesa primeira proba, a de coñecementos científico-técnicos.

Argüirase como outros anos a falta de nivel, e porén moitos destes suspensos son funcionariado interino licenciado con anos de experiencia e avaliado no seu momento por Catedráticos da Universidade como mínimo como aptos . Chégase entón a unha incongruencia, ou ben as probas non se corresponden cos requirimentos para o exercicio da profesión (ou hai indicacións para baixar o número de aprobados) ou o persoal interino que está impartindo docencia e non aproba non é válido para o exercicio da profesión. Se se pedisen referencias aos centros, inspectores e incluso alumnado e familias veríamos que quizais sexa máis o primeiro.

Se se asumise que ese persoal xa docente non lembrou de memoria todo o que se pedía; ten os recursos precisos para recadar a información precisa para facer de guía na aprendizaxe do alumnado (que é o que se realiza nas aulas e non que se lle recite unha lección de memoria), ademáis ese profesorado costuma ter estado en diferentes centros, é capaz de elaborar proxectos de innovación, preparación de aulas, redacción de actas, realización de programacións didácticas, actividades complementarias, informado a pais e nais, resolto conflitos na aula…e ademais, non deixa de cumprir coas súas funcións de docente nun dos momentos máis estresantes do curso, a avaliación final, xusto antes do exame de oposición. O sistema non só é escuro e impredecible (posto que non existe un temario oficial como noutras adminsitracións), senón que ademáis valora inicialmente (e case unicamente dada a restrición nos aprobados) cuestións pouco relacionadas co exercicio da docencia, de materias nas que xa se demostrou competencia (todas os docentes en exercicio das súas funcións deben ter unha titulación universitaria que é habilitante para a especialidade ou ter superado o devantido exame teórico nalgunha ocasión), e unha amplitude de temario de toda a carreira (ao mellor estilo da vella escola). Denúnciase entón, tamén, que o sistema, ademáis de amosar múltiples irregularidades e de ser subxectivo e opaco, é arcaico e afastado do que a práctica docente real require. Aínda por riba, o momento lectivo escollido (final de curso) e a limitación temporal extrema para a resolución dos procesos selectivos (1 mes para a totalidade do concurso-oposición) fai que non só os e as docentes interinas estean sometidas a presión senón os tribunais, tamén docentes teñen que traballar en condicións extremas, avaliando a compañeiros e compañeiras e aspirantes, con xornadas de 13 e 14 horas de traballo, o que non pode redundar en correccións máis xustas, sobre todo tendo en conta que canta menos xente pase a primeira proba menos traballo queda para a segunda, na que se avalían as capacidades pedagóxicas e para a que a Consellería non da nin medios nin tempo.

Por todo isto USDG reclama unha profunda reflexión e mudanza do sistema de acceso á función docente, que integre as vidas dos e das docentes sen praza, que valore as habilidades reais precisas para o exercicio da profesión e que permita ás persoas sen experiencia ter un acceso onde sexan valoradas transparente e obxectivamente, así como medios suficientes por parte da Consellería para a implementación destes.