Alumnado de Tradución e Interpretación coñece de preto as oportunidades profesionais que lles ofrece Nacións Unidas

O experto asesorounos sobre como funciona o sistema actual de acceso aos diferentes postos
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Alumnado de Tradución e Interpretación coñece de preto as oportunidades profesionais que lles ofrece Nacións Unidas

O alumnado de cuarto curso de Tradución e Interpretación coñeceu este luns máis de preto as principais oportunidades profesionais que lles ofrece Nacións Unidas, a maior organización internacional existente e da que dependen organismos tan coñecidos como a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a cultura (Unesco) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI). Fíxoo no salón de actos da facultade nunha conferencia que correu a cargo de Adrián Fuentes Luque, profesor da Universidad Pablo Olavide de Sevilla, quen tentou transmitirlles que traballar nas Nacións Unidas pode, “con constancia e perseveranza”, deixar de ser o soño co que entraron na facultade para pasar a ser no futuro a súa realidade profesional.

“É unha experiencia fantástica, hiperesixente e para a que hai que estar moi especializado”

“Que cousas hai que saber, cales son innecesarias e onde hai que buscalas”, estes son os tres aspectos básicos nos que o experto fixo fincapé. “Traballar nas Nacións Unidas é unha experiencia fantástica, hiperesixente e para a que hai que estar moi especializado”, subliñoulles Fuentes, quen tamén incidiu na falta de coñecemento xeral que existe sobre como é o sistema real de acceso, cales son os distintos postos que existen, -“non só podes traballar como tradutor, tamén como revisor, terminólogo, etc.”-, como hai que prepararse para presentarse…. Entre os principais consellos que ofreceu ás persoas asistentes faloulles da importancia de non perder a paciencia, “porque é un camiño longo”, pero que se pode conseguir e que ten uns beneficios fantásticos, “xa que a nivel profesional as condicións laborais son estupendas e, ademais, tes a satisfacción de saber que estás contribuíndo co teu labor a que o sistema das Nacións Unidas poida seguir axudando ao desenvolvemento da sociedade”.

Cando se fala de Nacións Unidas non se fala dun organismo internacional, senón dun sistema moi complexo de organismos de distintas institucións, explicoulles Fuentes Luque, ao que engadiu que este organismo se compón actualmente de 193 estados membros e que algúns dos seus órganos principais son a Asemblea Xeral, “que estes días, como cada ano a finais de setembro, se reúne na sede central de Nova York” e que está composta por todos os estados membros; o Consello de Seguridade, composto por cinco membros permanentes (Rusia, China, Reino Unido, Estados Unidos e Francia) e dez membros rotatorios; a Secretaría das Nacións Unidas, presidida na actualidade polo portugués António Guterres, ou o Consello Económico e Social, entre outros.

Tradutor externo da Organización Marítima Internacional

Ademais do alumnado, a conferencia, financiada polo Vicerreitoría de Extensión Universitaria, contou tamén coa asistencia de diferentes docentes e do decano do centro, o profesor Luis Alonso Bacigalupe. De presentar ao experto encargouse a profesora do Departamento de Tradución e Lingüística Rebeca López, quen fixo un rápido repaso polo currículo de Fuentes Luque, doutor en Tradución pola Universidade de Granada e profesor titular de Tradución na Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) onde tamén foi o director do Máster en Comunicación Internacional, Tradución e Interpretación desde a súa creación. “Foi docente nas universidades de Cádiz e Granada, na University of Portsmouth (Reino Unido) e profesor visitante na Universidad de Puerto Rico e Colorado State University, entre outras.”, explicou López.

“As súas principais áreas de traballo e investigación son a tradución audiovisual, a historia da tradución, a tradución de textos turísticos e publicitarios, a tradución do humor e a tradución institucional, campos nos que contribuíu con numerosas publicacións, entre as que, ata o momento, se atopa a única monografía sobre a tradución no eido turístico”, recalcou a docente. Como tradutor profesional, a profesora destacou que traballou como tradutor-intérprete xefe na Embaixada de Australia en España e para distintas institucións e empresas (British Council, Cambridge University Press, SDI-Media, etc.), así como tradutor externo da Organización Marítima Internacional e do Museo Nacional del Prado.