Orzamentos 2019: a débeda da Xunta lastra o ensino público

Publicado por o día 29/10/2018 na sección de Política,PSOE

Orzamentos 2019: a débeda da Xunta lastra o ensino público

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe que a decisión do goberno galego de levar adiante unha ampliación da débeda dun 37,13 por cento lastra o desenvolvemento e a atención ao sistema educativo de calidade. Así o dixo durante a comparecencia da conselleira de Educación, Universidade e FP para presentar os orzamentos do seu departamento en Comisión parlamentaria.

O responsable socialista lamentou que o presidente da Xunta teña como obxectivo “pasarse polo Estado dicindo que é o campión do cumprimento do déficit” a costa de detraerlle recursos aos servizos públicos. Lembrou ademais que “a maior parte da débeda contraída en pagos aprazados por esta Comunidade Autónoma correspóndelle a Feijóo”, con 1.721 millóns de euros contraídos en concepto de obras asinadas polo PP, incluíndo privatizar a construción do Hospital de Vigo.

Sinalou que a enxeñería financeira do goberno galego lle leve á Consellería de Educación a detraerlle ano tras ano en torno a 7 millóns de euros da partida orzamentaria do programa de prevención do abandono escolar. Sinalou que “de nada serve que orzamenten 23 millóns se despois vanlle reducir o 30 por cento” para utilizar a partida coma se fora un fondo de continxencia.

Ademais, alertou de que “a pesares dos continuos problemas” que ano tras ano reflicten os centros educativos en toda Galicia, hoxe hai 111 profesores menos que o curso pasado, chegando a casos nos que alumnos de secundaria en réxime presencial “se lles ten ofertado cursar determinadas materias a través do bacharelato a distancia”.

Reivindicou ademais unha “acción decidida” a favor da FP dende o goberno galego, logo de constatar que “por moito que inclúan á Formación Profesional na nomenclatura da Consellería, isto debe corresponderse con accións decididas”, para sinalar que as partidas deste modelo educativo replican ás do exercicio anterior.

Ensinanzas universitarias

Álvarez lamentou que o goberno galego continúe mantendo, un ano máis, os orzamentos das tres universidades galegas “lonxe dos orzamentos de 2009”, mentres os reitores reiteran a precariedade financeira das universidades. Trátase dun problema, dixo, “fundamentalmente estrutural” xa que “co actual modelo non poden manter un sistema universitario público de calidade”.

Criticou tamén que o presidente da Xunta “anuncie bolsas de excelencia” para estudantes galegos, agochando que vai “en detrimento das axudas económicas para as familias” que necesitan dese diñeiro para que os seus rapaces poidan estudar.