Orzamentos 2019: paro, sangría demográfica e baixa execución orzamentaria da Xunta

Publicado por o día 25/10/2018 na sección de Política,PSOE

Orzamentos 2019: paro, sangría demográfica e baixa execución orzamentaria da Xunta

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2019 agrandarán o diferencial de emprego e a sangría demográfica e manterán unha baixa execución orzamentaria. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Facenda en Comisión parlamentaria para presentar as contas de 2019, na que criticou o “cruel optimismo” do PP ao valorar o desemprego.

A responsable socialista explicou que os orzamentos da Xunta perseveran na pírrica política laboral encetada por Feijóo, que en 9 anos fixo que Galicia fora a Comunidade Autónoma “co peor comportamento do Estado en datos de emprego”. Así, Galicia rexistrou o menor descenso de parados entre 2009 e 2018, apenas un 5 por cento mentres o conxunto do Estado reduciu un 19,3 por cento os desempregados.

Ademais, logo de coñecer os datos da EPA feitos públicos hoxe, a baixa taxa de creación de emprego convive en Galicia coa redución drástica do número de ocupados, que baixaron un 5,16 por cento dende a chegada de Feijóo. Galicia ten 60.000 ocupados menos dende 2009, sendo a segunda autonomía cun peor comportamento, mentres no conxunto do Estado o número de ocupados aumentou nun 2,25 por cento.

Respecto ao ano anterior, dixo, o emprego medra en Galicia por debaixo da media estatal, un 2,23 fronte ao 2,51 por cento, mentres o goberno galego deixa sen executar 133 millóns de euros da partida de Promoción do emprego e Institucións do Mercado de Traballo, e outros 63 millóns de Dinamización Económica do Medio Rural. Mentres, Galicia ten 53.000 fogares con todos os seus membros en paro e 32.200 sen ningún tipo de ingreso.

Os Orzamentos do goberno galego para o ano 2019 son ademais un instrumento falido de cara a frear a sangría demográfica, logo de 9 anos de goberno de Feijóo nos que Galicia conta con 95.119 persoas menos, unha cifra especialmente grave no tramo de 20 a 39 anos, con 207.274 xóvenes que marcharon fora de Galicia. Por cada menor galego de 16 anos, explicou, hai dous maiores de 64, o peor índice de envellecemento do Estado, só por detrás de Asturias.

Mentres, a previsión do PIB para 2019 indica un menor crecemento que nos anos anteriores, pasando do 3,1 por cento de 2017 ao 2,5 por cento estimado para 2019, o que “complica seriamente sumar os 15.000 novos postos de traballo que anunciou o conselleiro. E todo isto, puntualizou, mentres as transferencias do Estado para emprego, Dependencia, violencia de xénero ou eficiencia enerxética medran nun 17,5 por cento.

Neste sentido, apuntou que “non se cumpriron as previsións catastrofistas da Xunta de Galicia” sobre a paralización dos Orzamentos autonómicos pola suposta “inestabilidade” de Madrid e que “aquel pulso sobre o teito de gasto do que falaban poña en risco que Galicia teña as súas contas a tempo”.

Impostos

Rodríguez Rumbo desmentiu hoxe os anuncios de redución de impostos feitas polo presidente da Xunta no último debate do Estado da Autonomía por canto, tal e como sinala que o goberno galego teña previsto aumentar os ingresos procedentes dos impostos propios da Xunta, xa que os recursos propios non financeiros aumentarán un 13 por cento.

Así, criticou que o goberno galego “intenta camuflar” cunha rebaixa puntual e parcial sobre o Imposto de Transmisións Patrimoniais o aumento xeneralizado nos últimos anos. Ademais, sinalou o “pouco significativo” impacto da rebaixa do imposto de sucesións e doazóns entre irmáns, que o goberno galego reduce a apenas 2 millóns de euros.

Acusou á Xunta de suprimir ademais o incremento do imposto do Patrimonio de 2013, co que “retroceden na progresividade dun dos poucos impostos que aínda a conservaba. Sinalou que a suposta “rebaixa” do 10 por cento no canon de Sogama en realidade “pretende esquecer que en 2014 aplicaron un incremento do 34 por cento unilateral e sen aviso previo”, para unha entidade que nos dous últimos exercicios tivo uns beneficios de 9 e 12 millóns de euros.