Os 13 estudantes que accederon ás Bolsas DigiTalent comezarán en febreiro o período de prácticas formativas en empresas tecnolóxicas. Durante tres meses, os bolseiros contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC.
Os bolseiros cómpren os requisitos marcados na iniciativa, ser menores de 31 anos e estar matriculados en carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura nalgunha das tres universidades galegas e ter máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados. As bolsas DigiTalent teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.
Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a Amtega (Amtega), as tres universidades e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.
Entidades colaboradoras do programa
As empresas nas que os bolseiros realizarán as prácticas e que, previamente se adheriron ao programa, teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial e wearables, entre outras.
Plan DigiTalent
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, impulsado pola Amtega ten como obxectivos potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.
Ao abeiro do Plan desenvolvéronse 16 actuacións desde principio deste curso 2020/2021. En concreto, 7 iniciativas dirixidas á infancia e adolescencia para fomentar o atractivo das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás; 6 actuacións orientadas a impulsar os novos perfís dixitais entre estudantes, titulados e profesionais; e 3 actuacións para promover as capacidades de e-liderado. DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema dixital. A información sobre as actividades do catálogo DigiTalent, actualízase no web digitalent.xunta.gal.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.