Os 4 gañadores do Concurso Infantil de Redacción da Festa da Rosa gozaron en Balaídos do seu merecido premio

Asistiron o pasado venres ao partido Celta-Alavés, puideron ver o quecemento a pé de campo e participaron nunha visita privada ao Museo do Real Club Celta
Publicado por o día 22/10/2018 na sección de Galicia,Mos

Os 4 gañadores do Concurso Infantil de Redacción da Festa da Rosa gozaron en Balaídos do seu merecido premio

Os 4 cativos gañadores/as do Concurso de Redacción da Festa da Rosa (que se celebrou o pasado mes de xuño no Concello de Mos), titulado ‘Que significa o Celta para ti’, puideron gozar o pasado venres, 19 de outubro, do seu merecido premio, consistente nunha experiencia única co primeiro equipo do Real Club Celta.

Os afortunados foron Alejandro Vieites Freire, xogador da Unión Deportiva Mos e gañador da Categoría I (de 6 a 9 anos de idade) do concurso; Valeria Alonso Pérez da Unión Deportiva Mos e Xián Rodríguez Cela do Club Louro Tameiga, que empataron na Categoría II (de 9 a 12 anos); e Marta Alonso Roa, xogadora da Unión Deportiva Mos e gañadora da Categoría III (de 12 a 16 anos) do concurso. Os rapaces estiveron acompañados por sendos monitores dos seus respectivos clubes deportivos: un da U.D. Mos e outro do Louro Tameiga.

Unha hora antes do partido os gañadores do concurso e os seus monitores foron recibidos e acompañados por un representante da Fundación R.C. Celta durante unha visita guiada privada ao Museo do Real Club Celta en Balaídos. Desde alí dirixíronse á bancada de Tribuna, por onde accederon a pé de campo para que os/as mozos/as puideran ver no céspede do terreo de xogo o principio do quecemento do equipo.

Tras o quecemento, os 4 gañadores do Concurso de Redacción da Festa da Rosa, puideron gozar do partido contra o Alavés na bancada de Tribuna.

Durante esta inesquecible experiencia foron saudados por German Arteta, director da Fundación Celta, quen lles entregou aos rapaces un detalle de recordo do emocionante momento.