Nunha comparecencia conxunta ao remate da firma, o alcalde celebrou un acordo que totaliza 400.000 euros de apoio á décimo sétima edición de O Marisquiño e que garante que este festival de cultura urbana siga en Vigo. Caballero defendeu como “primordial” mantelo na cidade polo seu “importantísimo” impacto económico e de imaxe, pois sitúa a Vigo como “capital europea” dos deportes urbanos.
O alcalde engadiu que “queremos seguir sendo referencia” nos deportes urbanos, polo que anunciou a próxima contratación dunha pista de skate en Navia deseñada polos mesmos profesionais de O Marisquiño, ademais da ampliación das de Barreiro e do Castro.
O Marisquiño, que terá lugar en Vigo do 11 ao 13 de agosto, ten na Deputación e no Concello as dúas institucións que máis recursos achegan. Deste xeito, o alcalde vigués botou en falta o “empeño” doutras administracións na cita e fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que adique alomenos a mesma cantidade que a Deputación.
Pola súa banda, Carmela Silva valorou O Marisquiño como “un dos grandes eventos de deporte urbano do mundo” e defendeu o “compromiso total” do goberno provincial con Vigo, que agora está entre as “prioridades” da Deputación de Pontevedra.
Noticias de última hora en Vigo