Os 8,5 millóns de euros mobilizados por Medio Rural servirán para axudar ao sector agrogandeiro e forestal afectado pola vaga de lumes

A conselleira Ángeles Vázquez trasladoulle aos representantes destes eidos produtivos as distintas liñas de axudas do seu departamento para sufragar os danos ocasionados polos incendios en infraestruturas e equipamentos privados en explotacións forestais, agrícolas e gandeiras
Por o 28/10/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Xunta de Galicia
Os 8,5 millóns de euros mobilizados por Medio Rural servirán para axudar ao sector agrogandeiro e forestal afectado pola vaga de lumes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá un encontro con representantes dos sectores forestais e agrogandeiros para explicarlles as distintas liñas que compoñen a orde de axudas do seu departamento para paliar os danos en infraestruturas e equipamentos privados en explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, que previsiblemente sairá este luns no Diario Oficial de Galicia.

Ángeles Vázquez salientou que a orde de achegas ten un orzamento de 1,5 millóns de euros e que está composta por sete liñas de subvención, matizando que unha mesma persoa solicitante poderá pedilas todas nun único expediente. A conselleira explicou que poderán ser beneficiarios todas aquelas persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, así como os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión dos organismos públicos, que sufriran danos como consecuencia da vaga de lumes ou dos labores de extinción destes incendios.

Deste xeito, subvencionarase a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada, maquinaria e equipamento forestal afectada en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados polos mesmos e de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras. Así mesmo, tamén se sufragarán os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e astelado da madeira queimada non comercial.

Produción agrícola

Doutra banda, haberá tamén liñas de achegas para a perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrogandeiras, pola morte de gando ou colmeas e para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas (para un período máximo de tres meses).

Os asistentes a esta reunión foron representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), do Cluster da Madeira, dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas Mel de Galicia e de Carne de Vacún de Galicia e da Denominación de Orixe Rías Baixas, así como das cinco asociacións galegas de razas autóctonas en perigo de extinción.

Accións de recuperación do solo

A maiores destas axudas, a conselleira tamén sinalou que o seu departamento destina 7 millóns de euros para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas. Así, explicou que se traballará nunha primeira fase nos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo do ano 2017 e, nunha segunda fase, naqueles onde sexa preciso actuar. As accións realizaranse a través de encomendas de xestión, para as cales hai un orzamento de 3 millóns para o ano 2017 e os outros 4 millóns para o ano 2018.