Os acontecementos e movementos que marcaron 1968, no novo ciclo de cine da Vicerreitoría

Doce proxeccións e dous relatorios integran o programa
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Os acontecementos e movementos que marcaron 1968, no novo ciclo de cine da Vicerreitoría

1968 foi o ano das protestas do maio francés, pero tamén o da primavera de Praga e a posterior invasión de Checoslovaquia polas tropas da URSS e o ano no que foi asasinado Martin Luther King, un ano “que é como un punto nodal no que se entrecruzan unha serie de feitos históricos determinados”, como sinala Suso Novás, programador de O vento sopra onde quere, o novo ciclo de cinema impulsado para este outono pola Vicerreitoría do campus, que ten en 1968 e nos acontecementos e movementos sociais que marcaron aquela época o seu eixo central. “O que se pretende é ver como un determinado tipo de propostas fílmicas, unhas máis convencionais e outras menos, son quen de poñer ante o espectador unha serie de reivindicacións, algunhas máis veladas e outras máis explícitas, do que era o fin dunha década moi convulsa”, apunta Novás dun ciclo que se abre este venres 28 na Casa das Campás coa proxección deMilou en Maio, de Louis Malle.

Doce proxeccións e dúas conferencias, programadas para as tardes dos venres, ás 19.00 horas na Casa das Campás, integran este ciclo con entrada libre, que conta coa colaboración do Institut Francais du Cinema e do Goethe Institut alemán. “Hai datas que condicionan o noso imaxinario”, salienta Novás do motivo central dun ciclo que, deste xeito, achégase tanto a acontecementos históricos como a reivindicacións “xestadas ao longo da década”, empregando o cinema como “testemuña privilexiada” coa que viaxar “por un período histórico que irradiou ilusión e inconformismo a partes iguais e que se revelou capital para entender o devir do último terzo do século XX”.

Catorce sesións entre setembro e decembro

Milou en Maio, de Louis Malle, un filme que aborda a realidade dunha burguesía “que vive illada da realidade social” abre este xoves un ciclo que o 5 de outubro continúa con O incidente, de Larry Peerce, un filme de “arte e ensaio, feito en gran parte nun vagón de metro en Nova York no que se reúnen diferentes sociotipos que forman parte do imaxinario colectivo da sociedade estadounidense daquel momento”. O 19 de outubro, o ciclo continúa co filme alemán Artistas baixo a cúpula do circo: perplexos, de Alexander Klugue, “unha das propostas nas que a forma cinematográfica ponse ao servizo dunha estética e dunha ideoloxía que vai en contra das normas convencionais da narración fílmica”, mentres que o venres 26 mes proxectarase I am not your negro, de Raoul Peck, “co que focalizamos directamente a cuestión racial estadounidense”.

En novembro, O vento sopra onde quere continúa o venres 2 con Unha xuventude alemá, de Jean Gabriel Périot, “que a través da material de arquivo e declaracións vai intentar reconstruír unha panorámica de determinadas posturas da esquerda radical alemá”; mentres que o sete días despois o xefe de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe, Jaime Pena, abordará nunha conferencia “a euforia e caída” do maio de 68, “nunha viaxe a través de diferentes películas”, explica Novás. O 16 de novembro, o ciclo continúa con Os visitantes, de Elia Kazan, “unha película coa que intentamos revelar que patoloxía xerou na sociedade americana a Guerra de Vietnam”, mentres que o 23 dese mes proxectarase Morrer aos trinta anos, de Romain Groupil, “un clásico do cine francés” centrado tamén no acontecido tralo maio do 68.

Novembro pecharase, o venres 30, con Zabriskie Point, primeira produción norteamericana de Michelangelo Antonioni, na que o director italiano retrata a súa visión “dos arquetipos humanos dos Estados Unidos de finais dos 60”, mentres que decembro abrirase, o venres 7, cunha conferencia na que Novás abordará como o cine abordou conflitos como “a reivindicación das sociedades afroamericanas ou os movementos anticoloniais”, para chegar ao seu remate, o venres 21, coa proxección de If… de Lindsay Anderson, unha película “que retrata as estruturas de poder dentro dunha institución educativa británica deseñada para educar a futura elite” e que foi estrada precisamente en 1968.