Os alumnos de Redondela Vila Bela II rehabilitan a Praza da Alfóndiga

Por o 11/02/2019 | Sección: Galicia,Redondela
Os alumnos de Redondela Vila Bela II rehabilitan a Praza da Alfóndiga

5 alumnos e 5 alumnas, con idades comprendidas entre os 25 e os 59 anos, comezaron en novembro do 2018 a aprender un oficio relacionado coa “Cantería Ornamental” e a “Colocación de Pedra Natural” no Obradoiro de Emprego “Redondela Vila Bela II”, promovido polo Concello de Redondela; rematarán o seu contrato de formación o vindeiro mes de agosto.

Ademais de recibir formación teórica e realizar práctica formativa para acadar unha titulación oficial, teñen que aplicar os coñecementos adquiridos para realizar obra de interese municipal. Así, esta semana comezaron a arranxar o enlousado da Praza da Alfóndiga, na zona vella de Redondela e Camiño de Santiago Portugués, deteriorado polo paso do tempo e, sobre todo, pola raíces dunhas acacias que se atopaban en cada esquina da praza e que foron taladas previamente.

O traballo nesta praza consiste en levantar as lousas que non se atopan enrasadas e que poderían causar tropezóns, eliminar as raíces que lle fan levantar e recolocar as pezas sobre morteiro seco. Tamén substituirán as lousas en peor estado, axustarán os bordes, recolocarán o mobiliario urbano que foi previamente retirado, e procederán a unha limpeza de todo o enlousado.

A dificultade deste traballo radica sobre todo no gran volume e peso destas lousas así como na súa irregularidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.