Os arqueólogos da Deputación atopan no xacemento da Lanzada os restos doutro menor

Publicado por o día 13/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Os arqueólogos da Deputación atopan no xacemento da Lanzada os restos doutro menor

Os restos doutro corpo dun menor foron atopados, esta mesma mañá, nas últimas escavacións que se están a facer no xacemento da Lanzada por parte do equipo de arqueólogos.

Estes novos restos, en mal estado de conservación, foron localizados a uns 16 metros ao leste dos anteriores enterramentos de varios corpos de nenos e nenas. Nunha primeira inspección, trátase dun menor de dous anos, que debía ter algún problema físico pola curvatura que presentan algúns dos ósos atopados.

O corpo apareceu próximo a unhas estruturas que o equipo de arqueoloxía aínda está pendente de clasificar para poder determinar a súa idade aproximada.

Tras os últimos restos de cerámicas e da pulseira atopados en días pasados, este sería o achado máis importante da última área de escavación. De feito, apenas quedan uns dezaseis metros cadrados de escavación para concluír esta fase no xacemento da Lanzada.

Nuns días o persoal da escavación vai comezar a preparar os noiros e a conservación das estruturas atopadas antes de rematar a intervención no xacemento.