Os arquivos galegos celebran o seu Día Internacional

O centros arquivísticos de xestión autonómica organizan obradoiros, visitas guiadas, exposicións e xornadas de portas abertas para conmemorar o 9 de xuño
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de Eventos,Vigo,Xunta de Galicia

Os arquivos galegos celebran o seu Día Internacional

Os arquivos galegos convidan a celebrar o Día Internacional dos Arquivos, o 9 de xuño, con diversas propostas para dar a coñecer a súa actividade e poñer en valor o patrimonio documental. Os centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmanse a esta celebración cunha completa programación, dentro da cal se organizarán xornadas de portas abertas, visitas guiadas e obradoiros, entre outras actividades, co fin de dar a coñecer á cidadanía estes espazos e a súa importancia como ferramenta fundamental para a conservación da memoria dos pobos. Non en balde, o tema da Conferencia ALA-ICA 2117 para conmemorar esta data, que terá lugar en Cidade de México do 27 ao 29 de novembro deste ano, é Arquivos, cidadanía e interculturalismo.

Aínda que o Día Internacional dos Arquivos, que rememora a creación do Consello Internacional de Archivos (ICA), está fixado no 9 de xuño, a programación conmemorativa desenvolverase ao longo de toda a semana no Arquivo de Galicia, no central da Consellería de Cultura, nos arquivos territoriais da Xunta de Galicia en Lugo, Pontevedra e Vigo; no Arquivo do Reino de Galicia, e nos arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Arquivo de Galicia

A cabeceira do sistema arquivístico da Comunidade Autónoma, o Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, vivirá o día grande da celebración o propio 9 de xuño, cunha xornada de portas abertas e visitas guiadas ás súas instalacións que inclúe unha explicación dos documentos que nel se conservan, así como a través da exposición Vicente Álvarez de Neira, arquiveiro (1717-1784).

Esta nova mostra, que se poderá contemplar ata o 17 de setembro, amosa documentos deste ilustre persoeiro que forman parte do arquivo da familia Pita da Veiga, custodiado no Arquivo de Galicia. En total, poderá verse un conxunto de 26 documentos e varios obxectos distribuídos en seis vitrinas, nas que se fai un breve percorrido pola biografía profesional de Álvarez de Neira e a súa participación directa nalgúns feitos históricos na súa condición de avogado, asesor de varias institucións, tenente de corrixidor da Coruña e deputado.

Ademais, do 12 ao 16 de xuño ofertarase o obradoiro Anatomía dun asasinato: o crime do marqués de Valladares, no que, partindo dalgúns dos documentos que forman parte da devandita exposición, se analizarán de forma dinámica e participativa as actuacións de todos os implicados neste suceso que conmocionou a sociedade da súa época. Tanto este obradoiro como as visitas guiadas á mostra esixen inscrición previa no teléfono 881 999 665 ou no enderezo electrónico [email protected] .

Arquivo do Reino de Galicia

Pola súa parte o Arquivo do Reino de Galicia, sito na Coruña, comezará o día 7 e estenderase ata o 9 coa realización de obradoiros de papel, encadernación e lectura de documentos a cargo de técnicos do laboratorio deste centro. As persoas interesadas en participar neles deberán cubrir o pertinente formulario de inscrición e remitilo a [email protected] A selección farase por orde de chegada das solicitudes.

A maiores, o profesor da Universidade da Coruña Miguel Abelleira ofrecerá, mañá, 7 de xuño, ás 19:30 horas a conferencia A arquitectura dunha Coruña inexistente.

Históricos provinciais

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo abrirá o vindeiro día 9 as súas portas a todos os cidadáns que desexen coñecelo a través das visitas guiadas que se organizarán ao longo da xornada. Así mesmo, o centro acollerá ese día a presentación dun novo exemplar da serie Documentos singulares, concretamente un plano da parroquia de Santiago de Quende, no concello de Abadín, nunha conferencia que será de entrada libre ata completar aforo.

Pola súa parte, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense prevé para o día 9 unha visita teatralizada na que se fará un percorrido pola historia da cidade a través de documentos que amosan espazos da mesma que se visitarán no marco desta actividades. O día 7 tamén se organizará unha visita teatralizada, baixo o título O segredo dos franciscanos, na que se tomará contacto cos documentos de conventos desta orde e que remata cunha visita ao Claustro de San Francisco. A inscrición previa poderá realizarse no teléfono 988 788 228.

Ademais, os días 6 e 8 desenvolverase un obradoiro didáctico de paleografía e un contacontos dirixidos ao alumnado do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do CEIP Curros Enríquez, respectivamente.

A xornada de portas abertas con visita guiada, neste caso os días 8 e 9 de xuño, é a fórmula escollida polo Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra para darlle a coñecer as súas instalacións ao público xeral. Ademais, o propio día 9 o xornalista e investigador Alfonso Daniel Fernández Pousada ofrecerá a conferencia A Casona dos Fonseca: o oráculo histórico na Pontevedra renacentista, e celebrarase unha velada musical na que o cantautor e poeta Joaquín Palacios interpretará algúns dos seus temas.

Outras dependencias

Cos empregados públicos como destinatarios, o Arquivo Central da Consellería de Cultura e os arquivos territoriais da Xunta de Galicia nas cidades de Lugo, Pontevedra e Vigo abrirán tamén as súas portas o vindeiro día 9, de tal forma que os propios traballadores da Administración coñezan de primeira man o labor que se realiza nestes espazos.