Os bebés prematuras brillan na súa “alfombra da fama”

O Hospital Álvaro Cunqueiro celebrou o Día Mundial do Neno Prematuro con actos organizados por Neonatoloxía e a Asociación AGAPREM
Publicado por o día 19/11/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Os bebés prematuras brillan na súa “alfombra da fama”

Os bebés prematuros do Hospital Álvaro Cunqueiro brillaron na súa propia “alfombra da fama”, nun dos actos que se organizaron con motivo da celebración do Día Mundial do Neno Prematuro.

Na organización dos eventos colaboraron a Unidade de Neonatoloxía do CHUVI, a asociación de familiares de nenos prematuros AGAPREM, e pais e nais de bebés que pasaron pola Unidade ou que permanecen ingresados nela.

Para comezar a xornada, o “Titán” que preside a entrada principal do hospital amenceu iluminado coa cor violeta que identifica este día. Os actos continuaron cunha actuación musical e cunha pequena homenaxe na Unidade de Neonatoloxía.

Alí, o persoal encargouse da decoración, con patucos e globos en paredes e teito, e colocou unha alfombra violeta na que se rendeu homenaxe aos prematuros antigos que estiveron hai tempo ingresados e que agora xa fan vida normal para a súa idade. Neste evento participaron activamente os pais e nais dos devanditos bebés, e no que hai que destacar a implicación total do persoal de enfermaría.

Ademais, con motivo da efeméride, ampliouse o horario de visita para os familiares dos nenos e nenas ingresados, que habitualmente está restrinxido a un cuarto de hora pola mañá e outro pola tarde.

Hai que lembrar que os pais e as nais non teñen restrición algunha e poden estar cos seus fillos as 24 horas ao día. Unha medida da Unidade de Neonatoloxía do CHUVI que foi pioneira, dentro do programa de “Coidados centrados na Familia e no Desenvolvemento”. Así, os proxenitores poden participar, sempre que o desexen, nos coidados dos seus bebés desde o primeiro día, mesmo entre os máis pequenos.

“Tentamos, con todo, que os bebés queden na maternidade sempre coa súa nai cando teñen problemas menores; é dicir, ingresan só aqueles que o necesitan. Incluso moitos bebés de 35-36 semanas que están estables poden permanecer coas súas nais na planta de hospitalización que é o ideal, aínda que sempre coa nosa supervisión”, explicou a xefa de Neonatoloxía, a doutora Ana Concheiro.

700 ingresos

A Sección de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo está integrada por varias unidades: UCI neonatal, que conta con sofisticados sistemas tecnolóxicos que permiten o control centralizado e a vixilancia constante do bebé; a unidade de incubadoras, con completos equipos de monitoraxe; e a zona de berces.

Anualmente atenden a 700 nenos ingresados: aos nenos prematuros e aos recén nados a término con patoloxía. En canto aos nenos prematuros, pódese subliñar que nos últimos anos aproximadamente medio centenar nacen con menos de quilo e medio de peso; e anualmente atenden entre dous ou tres nenos con 500 gramos de peso ao nacer.

Entre as patoloxías máis frecuentes, aparte dos bebés con baixo peso, se atopan os problemas respiratorios dos recentemente nados e as anomalías conxénitas; en xeral, toda a patoloxía médico cirúrxica que aparece no primeiro mes de vida.

A gran cualificación dos seus profesionais e os medios técnicos dispoñibles, dotados cos máximos sistemas de seguridade, fan posible que este servizo sanitario acade uns excelentes ratios de calidade.

Así, sendo o CHUVI o complexo que presenta o máis alto índice de natalidade de Galicia, a súa Sección de Neonatoloxía e a que ten a menor taxa de mortalidade da comunidade galega e unha das mellores do Estado, establecida en 2,18 por mil nados vivos.