Os bombeiros atallan un lume orixinado no interior dunha nave industrial nas Somozas

Publicado por o día 19/01/2018 na sección de Sucesos

Os bombeiros atallan un lume orixinado no interior dunha nave industrial nas Somozas

Os efectivos dos Servizos de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Eume e Ferrol traballan arestora para sufocar un lume orixinado no interior dunha nave industrial situada no concello das Somozas.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o incendio puido comezar pasadas as doce deste mediodía nas instalacións de tratamento de residuos de Monte Marván sen causar danos persoais.

En concreto, o lume afecta a unha zona para o almacenamento de plástico, o que provocou unha intensa fumareda, que xa están a controlar os medios de extinción.

Tras a primeira chamada de alerta, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informou aos efectivos dos Servizos de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, así como aos membros do GES de Ortigueira e Mugardos, para facer de apoio aos bombeiros que traballan desde o inicio da zona.

Tamén se avisou a Urxencias Sanitarias, que descartou desprazar medios aos confirmarse que non hai persoas afectadas.