Os Bombeiros de Arteixo interveñen nun accidente ocorrido en Culleredo e no que resultou ferida unha muller

Publicado por o día 09/02/2020 na sección de Sucesos

Os Bombeiros de Arteixo interveñen nun accidente ocorrido en Culleredo e no que resultou ferida unha muller

Os Bombeiros de Arteixo desprazáronse onte ata o lugar de Ledoño, en Culleredo, para liberar a unha muller embarazada que non podía saír do seu vehículo despois de producirse unha colisión lateral.

O accidente ocorreu dez minutos antes das 21:00 horas da pasada noite. Foi a esa hora cando unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.

Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros, dos axentes de Tráfico e da Policía Local. Tamén, requiriron a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Os Bombeiros comunicaron que, finalmente, tiveron que facer uso do material de excarceración para abrir a porta do vehículo e liberar á muller.

Saída de vía

Ao fío das 20:00 horas, un particular tamén alertaba ao 112 Galicia dun accidente de tráfico no concello pontevedrés da Guarda. Tratouse dun vehículo que mentres circulaba pola rúa da Circunvalación, concretamente, á altura da Asociación dos Amigos de Camposancos, se saíu da vía e caeu por un muro.

Ata o lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, desprazáronse axiña ademais dos servizos sanitarios, os Bombeiros de Baixo Miño e os membros do GES da Guarda, que confirmaron que non foi preciso o uso do material de excarceración para liberar ás dúas mulleres que viaxaban no vehículo, polo que, descartouse a intervención dos Bombeiros.

Desde o 112 Galicia tamén se informou dos feitos á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Vigo.

As dúas mulleres foron trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.

Un pasaxeiro dun bus ferido na Coruña

Así mesmo, dez minutos antes das 19:30 horas tamén deste sábado,  unha persoa particular alertou ao 112 Galicia dun coche que ao circular por dirección prohibida e, tras frear de repente, bateu contra un autobús, na Rúa de San Andrés. Debido ao impacto, un pasaxeiro do autobús resultou ferido.

Ademais dos servizos sanitarios e da Policía Local, que xa tiña constancia do suceso, os xestores do 112 informaron aos Bombeiros da cidade e aos efectivos de Protección Civil.

Paracaidista ferido

Por outra banda, no concello coruñés de Porto do Son, sobre as 19:15 horas tamén da tarde de onte, un particular solicitaba ao 112 Galicia unha ambulancia para evacuar a un paracaidista que sufrira unha caída. O suceso ocorreu no lugar de Camboño, en Portosín, Goiáns.

O 112 Galicia, tras recibir a chamada de alerta pasou aviso ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica. Así mesmo, informou aos Bombeiros de Ribeira e aos efectivos de Protección Civil da localidade.