Os bombeiros de Vigo liberan a unha muller atrapada nun coche tras chocar cun Vitrasa

Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Os bombeiros de Vigo liberan a unha muller atrapada nun coche tras chocar cun Vitrasa

Unha muller foi liberada este martes coa axuda do equipo de excarceración dos bombeiros de Vigo despois de sufrir un accidente co seu vehículo. O coche no que viaxaba chocou contra un autobús de Vitrasa que trasladaba estudantes ao campus universitario á altura da rotonda de acceso aos edificios das facultades.

Ás 8:45 horas, varios particulares que circulaban pola zona no momento do incidente chamaron ao 112 para dar conta dos feitos. Segundo a información facilitada polas testemuñas do suceso, tras producirse a colisión entre os vehículos, unha muller quedou atrapada no interior do turismo e necesitaba axuda para abandonalo.

Enseguida, os xestores de Emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia, dos bombeiros de Vigo e de Protección Civil. Os axentes da Policía Local tamén acudiron ao lugar para restablecer as condicións de seguridade na vía, xa que a situación xerou importantes retencións.

Unha vez no punto, os membros do servizo de extinción de incendios liberaron á ferida para que, finalmente, puidese ser trasladada ata o centro hospitalario de referencia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.