Comisións Obreiras (CCOO), CIG, CSI-F e UGT, principais sindicatos do colectivo de bombeiros forestais da Xunta de Galicia, reclaman a dimisión da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, por «faltar á verdade» durante a súa intervención no Parlamento, na que informou do número de efectivos que loitaron contra o lume este mes de outubro. Tamén piden a dimisión do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, pola «manifesta incompetencia».
Segundo Ángeles Vázquez, foron un total de 5600 persoas as que conformaron o dispositivo, cifra «histórica». Os sindicatos aseguran que estes números «non son reais» e esixen unha auditoría independente que o certifique.
Desde os catro sindicatos sinalan que estes números se repiten ano tras ano no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), pero non poden ser reais cando hai moitos concellos que non subscriben os convenios coa Xunta, ao tempo que numerosas baixas, vacantes e vacacións non se cobre. «A realidade é que hai numerosas brigadas incompletas», censuran.
Neste punto, denuncian que a conselleira volveu «faltar á verdade» cando asegurou que se cubriran as baixas e vacacións do mes de outubro. «Aludindo a cuestións orzamentarias, nunca quixeron cubrir estas vacantes, como si fan outras consellarías, caso de Política Social», reprochan os sindicatos. Segundo a información de que dispoñen, no mes de outubro só se cubriron vinte e unha prazas entre vacacións e baixas médicas, o que supón un 10 % do total.
Lembran que xa en agosto alertaran á Consellaría da falta de medios e da situación de risco e extrema gravidade que se podía producir se a climatoloxía non acompañaba. Por todo isto, reiteran a petición dunha auditoría que cuantifique o dispositivo real do servizo público de prevención e extinción de incendios forestais, que se aclare canto se está a gastar en extinción e canto en prevención, e que se informe tamén de canto dese diñeiro está a ser xestionado por empresas privadas.
Por último, desde as catro organizacións sindicais agradecen o desempeño e dedicación amosado polos profesionais que, malia a falta de medios, traballaron arreo para «evitar males maiores» á poboación.
Noticias de última hora en Vigo