Os bombeiros liberan a un condutor atrapado tras un choque múltiple en Abegondo

Por o 02/01/2018 | Sección: Sucesos
Os bombeiros liberan a un condutor atrapado tras un choque múltiple en Abegondo
Compartir en:

Catro vehículos colidiron esta mañá na AP-9, ao paso polo concello coruñés de Abegondo en dirección a Santiago. Como consecuencia do golpe, o condutor do turismo implicado quedou atrapado no interior do vehículo, polo que tivo que ser rescatado polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Betanzos. Unha vez liberado, foi evacuado por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

O accidente produciuse ás 7:40 horas de hoxe e víronse implicados un tráiler, un furgón blindado, unha furgoneta e o turismo no que quedou atrapado o ferido. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os catro vehículos colidiron en cadea despois de atopar o primeiro o turismo atravesado no carril dereito da autoestrada.

De feito, o 112 Galicia recibiu ao mesmo tempo a chamada doutro condutor que advertía dun vehículo parado no medio do carril. Intres despois producíase o accidente que se saldou cunha persoa ferida.