Os Bombeiros tratan de atallar un incendio nunha vivenda despois de que calcinase un galpón anexo en Carballo

Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Sucesos

Os Bombeiros tratan de atallar un incendio nunha vivenda despois de que calcinase un galpón anexo en Carballo

Os Bombeiros de Carballo traballan nestes intres na extinción dun lume que afecta a unha casa situada en Rus, no lugar de Arganosa, no concello coruñés de Carballo. Afortunadamente, segundo explicaron os profesionais de extinción, ningunha persoa resultou afectada.

Todo parece indicar que as lapas iniciáronse nunha explanada á carón do inmoble con chatarra, electrodomésticos e outros utensilios, o lume pasou a un galpón anexo que resultou calcinado na súa totalidade e por último á vivenda, na que agora tratan de atallar as lapas.

Foron varios particulares os que, ao fío das 10:00 horas, chamaron ao 112 Galicia para advertir da presenza de lume e de moito fume desde varios puntos da zona.

No lugar atópanse, tras ser alertados polo 112 Galicia, ademais dos Bombeiros, os axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Incendio en Vilagarcía

Tamén, dez minutos antes das 09:00 horas desta mañá, o 112 Galicia foi alertado a través de varias persoas particulares doutro  incendio nun local de hostalaría en Vilagarcía de Arousa, situado na rúa Juan Carlos I. Aínda que non houbo que lamentar danos persoais de consideración, o dono do establecemento tivo que ser trasladado ao sentirse indisposto.

Ademais dos Servizos Sanitarios de Urxencia de Galicia-061 foron alertados os Bombeiros de Vilagarcía, os axentes da Policía Nacional e Local. Así mesmo, formaron parte do operativo os membros do Servizo Municipal de Emerxencias, que tras dar por rematadas as tarefas de extinción e ventilar a zona, confirmaron que unicamente ardera unha máquina torradora de café industrial e, posiblemente, a causa dun sobrequentamento da saída de gases da mesma máquina.

Comentar noticia

Your email address will not be published.