Os cargos institucionais de En Marea poderán formar parte da Coordinadora Nacional

A súa presenza limitouse nun 20% para o Consello das Mareas, órgano que elixe os membros da Coordinadora.
Publicado por o día 18/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Os cargos institucionais de En Marea poderán formar parte da Coordinadora Nacional

O Plenario de En Marea vén de aprobar por ampla maioría que os cargos institucionais de En Marea poidan formar parte da Coordinadora Nacional, que contará con 11 persoas elixidas polo Consello das Mareas tendo en conta a proporcionalidade dos resultados das candidaturas presentadas. Pola contra, non poderán formar parte do máximo órgano aquelas persoas que formen parte do comité electoral ou que ostenten unha responsabilidade executiva dentro dunha organización política (secretarías xerais, portavocías e outros cargos homologables e membros de órganos executivos).

Os representantes institucionais de ámbito autonómico e estatal tamén poden formar parte do Consello das Mareas. Agora ben, acordouse limitar a súa presenza como máximo a un 20% dos 35 membros cos que contará este órgano, aplicando a corrección de xénero correspondente.

Este punto foi o último da orde do día da mañá e foi o que contou coa maior participación do plenario, no que se inscribiron unhas 1.200 persoas.