Os centros da UVigo poderán solicitar ata fin de mes iniciar as clases o vindeiro curso na modalidade presencial

Do 7 ao 18 de setembro, agás nos primeiros cursos de grao, poderá haber actividades académicas
Publicado por o día 17/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Aínda que a actividade académica no curso académico 2020-2021 comezará na UVigo o 21 de setembro na modalidade de docencia mixta, as direccións dos centros, que así o desexen, poderán solicitar que algunha ou varias das titulacións que xestionan comecen na modalidade exclusivamente presencial. Así se recolle na resolución reitoral asinada hoxe por Manuel Reigosa, na que se sinala ademais que, entre o 7 de o 18 de setembro, agás nos primeiros cursos de estudos de grao, poderán desenvolverse actividades académicas propostas polas direccións dos centros.

A resolución reitoral publicada hoxe, que implementa o acordo adoptado o 12 de xuño polo Consello de goberno sobre Medidas extraordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente para o vindeiro curso en caso de crise sanitaria, sinala que as escolas e facultades da UVigo disporán ata as 14:00 horas do 29 de xuño para solicitar que as titulacións que imparten comecen na modalidade exclusivamente presencial, previo acordo da súa xunta de facultade ou escola ou da comisión con competencias en materia docente, sendo a Reitoría a que resolva sobre as solicitudes recibidas, previo informe da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado. “Se un centro pode ter a todo o seu alumnado nunha clase con seguridade é o desexable, e se non hai unha separación de 1.5 metros hai que buscar unha solución alternativa”, sinala o reitor, Manuel Reigosa, que reitera súa aposta pola presencialidade, sempre e cando a situación sanitaria o permita e se dean as condicións esixidas polas autoridades.

Actividades académicas, agás nos primeiros cursos dos graos, a partir do 7 de setembro

Ao igual que no resto do Sistema Universitario de Galicia, a actividade académica 2020-2021 iniciarase na Universidade de Vigo o 21 de setembro, distribuída en dous períodos que van do 21 de setembro ao 29 de xaneiro de 2021 e un segundo do 1 de febreiro ao 11 de xuño. Non obstante, segundo se recolle na resolución reitoral publicada hoxe, agás nos primeiros cursos dos estudos de grao que se imparten nos tres campus, poderán levarse a cabo actividades académicas, non obrigatorias, propostas polas direccións dos centros, previa aprobación polas súas xuntas de facultade ou escola, que deberán ser ratificadas pola COAP, e do que se informará ao Consello de goberno.

“Poden ser actividades docentes de todo tipo, incluíndo prácticas de campo, ou laboratorio, seminarios aulas teóricas…”, explica o reitor, que sinala, que con esta medida se pretende sacar partido ao inicio do mes de setembro, no que se supón unha menor incidencia da covid-19, “porque creo que debemos aproveitar as semanas nas que a pandemia non estará moi activa para adiantar a actividade”, explica Reigosa.