Os centros darán a benvida ao alumnado de novo ingreso cunhas xornadas maioritariamente presenciais

Nelas recibirán información das titulacións, das facultades e escolas e da Universidade

Co inicio do novo curso académico, os centros da Universidade de Vigo prepáranse para recibir ao seu alumnado. Para acoller ás e aos estudantes que por primeira vez entrarán nas súas aulas, facultades e escolas celebrarán do 14 ao 23 de setembro diferentes xornadas de benvida destinadas ao alumnado matriculado en primeiro curso. Adaptados para dar cumprimento ás medidas de loita contra o coronavirus, a maioría destes actos terán un carácter presencial e permitirán ás e aos asistentes coñecer de primeira man a contorna académica onde se formarán.

Segundo explican dende a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, a situación provocada pola pandemia fixo este ano imposible a celebración dunha benvida como a que tivo lugar o pasado curso, que reuniu nunha xornada lúdica en cada campus ao alumnado de novo ingreso dos diferentes centros. Así, detallan, este ano cada escola e facultade organiza a xornada de benvida ao seu alumnado, elixindo entre formato virtual e presencial, e artellando os grupos e as persoas que interveñen respectando as medidas de seguridade e aforo permitidos segundo a normativa vixente. Para cumprir estas medidas, a maior parte dos centros celebrarán estas xornadas en diversas quendas de estudantes e nalgúns casos en varios días.

Nas sesións que se celebrarán, as e os asistentes recibirán información sobre as súas titulacións, sobre os centros nos que desenvolverán a súa vida académica e sobre a propia Universidade de Vigo. A Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria apoiará cada un destes eventos presenciais con mesas informativas nas que se entregará material de promoción, no que se inclúe unha máscara, e facilitando o acceso electrónico a través de paneis con código QR “a toda a información que poida precisar toda persoa que entra a formar parte da comunidade universitaria da UVigo”. O alumnado, convocado polos centros a través do correo electrónico a estes actos de benvida, pode consultar a información sobre as xornadas de benvida nas páxinas web das súas respectivas escolas e facultades.

Citas nos tres campus

As xornadas arrancarán o luns 14 de setembro. No campus de Vigo todas serán presenciais. Iniciaranse o día 14 na Escola de Enxeñaría Industrial e continuarán o día 15 nesta mesma escola, en Enfermaría, en Química e en Ciencias Económicas e Empresariais. O mércores 16 será a quenda de Bioloxía, Enxeñaría de Telecomunicación e Ciencias Xurídicas e do Traballo, repetindo este último centro o acto o xoves 17. Tamén o día 17 terá lugar a benvida de Minas e Enerxía. Ciencias do Mar e Filoloxía e Tradución recibirán ás e aos estudantes de novo ingreso o luns 21 e a Escola Universitaria de Estudos Empresariais o mércores 23. No campus de Vigo haberá un reforzo dos autobuses de subida e baixada ao campus durante os días 15 e 16 entre as 09.00 e 10.00 horas e sobre as 13.00 horas.

No campus de Pontevedra os actos iniciaranse tamén o luns 14 de setembro, tendo lugar de xeito presencial en Fisioterapia, Enfermaría e Belas Artes. Neste mesmo campus, a actividade continuará o mércores 16 coa benvida virtual ao novo alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte e o día 21 cunha xornada virtual para os novos estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación e cunha xornada presencial para os de Enxeñaría Forestal.

Xa no campus de Ourense, os actos comezarán o martes 15, cando a Facultade de Dereito dea de xeito virtual a benvida ás e aos estudantes de primeiro curso. Seguiranlle o día 17, neste caso de xeito presencial, Historia, Educación e Traballo Social e Ciencias, e o día 18 Enxeñaría Informática, de xeito presencial, e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, de xeito virtual. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo pechará os actos de benvida neste campus o luns 21 de setembro.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario