Os centros de día e residencias do val miñor celebran o entroido no auditorio municipal de Nigrán

Publicado por o día 13/02/2018 na sección de Galicia,Nigrán

Os centros de día e residencias do val miñor celebran o entroido no auditorio municipal de Nigrán

Preto dun cento de usuarios dos centros de día e residencias do Val Miñor festexaron esta mañá o seu propio entroido no Auditorio Municipal de Nigrán, como ven sendo habitual ano a ano. Cada centro conformou cadansúa comparsa e interpretou unha canción ou parodia nunha xornada presentada por usuarios do Centro Juan María de Parada e que culminou cunha merenda a base de orellas de entroido.

A deliberación do xurado, composto polos concelleiros de Nigrán Alfonso Vázquez e Luis Sanromán, a edil gondomareña Rocío Cambra e a edil baionesa María Carmen Paredes, deixou como primeiro clasificado ao Centro de Día Mancomunado Val Miñor coa súa comparsa ‘Álvaro Cunqueiro’. Os integrantes, disfrazados de pacientes e persoal médico, realizaron unha divertidísima e mordaz sátira sobre a precariedade da atención sanitaria. Os segundos clasificados resultaron ‘Pingüinos celtistas’, da residencia Vila do Conde (Gondomar); terceiros ‘As flores’ , de Botando unha man (Nigrán); cuartos ‘Ferias indomables’ da Residencia Bo día (Nigrán); e quintos ‘Abellas’, da Residencia Bellavista Care (Nigrán). Houbo tantas comparsas como premios repartidos.