Os centros sociocomunitarios da Xunta en Lugo ofertan 3000 prazas en máis dun cento de actividades para os próximos meses acoso escolar e transexualidade infantil

A Consellería de Política Social investiu máis de 84.000 euros en melloras nos catro centros que xestiona na provincia
Publicado por o día 24/03/2017 na sección de Galicia,Lugo,Vigo,Xunta de Galicia

Os centros sociocomunitarios da Xunta en Lugo ofertan 3000 prazas en máis dun cento de actividades para os próximos meses acoso escolar e transexualidade infantil

A Xunta de Galicia oferta unhas 3000 prazas en máis dun cento de actividades que se programan ao longo do ano nos catro centros sociocomunitarios que xestiona na provincia, situados en Lugo, Mondoñedo, Vilalba e Ribadeo.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nunha visita ao centro de Vilalba, onde subliñou a importancia destes recursos comunitarios que están “á disposición de persoas de todas as idades e dos colectivos da contorna”.

Os centros da Xunta acollen unha variada programación de actividades culturais e de lecer e tempo libre. Así, para os vindeiros meses están previstas xa rutas de sendeirismo, cursos de informática, obradoiros de ximnasia, de memoria, baile ou artes plásticas e numerosas excursións, entre outras iniciativas.

Balseiro subliñou que a Consellería de Política Social quere relanzar os centros sociocomunitarios para que sexan punto de encontro da mocidade e tamén un puntal na estratexia de envellecemento activo que estará vixente nesta lexislatura.

“Estes centros -afirmou o delegado- ofrecen un servizo de proximidade que fortalece a convivencia e o benestar dunha comunidade e organizan múltiples actividades que axudan a que as persoas maiores manteñan un estilo de vida activo”.

Balseiro incidiu en que “a programación está aberta ás asociacións e entidades sociais da zona”, que atopan nas instalacións da Xunta un espazo para desenvolver as súas iniciativas.

En concreto, o centro sociocomunitario de Vilalba ten previstas para os próximos meses 21 actividades propias nas que oferta máis de 850 prazas, pero acolle tamén actividades organizadas por entidades como a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) ou a Asociación de Familias de Persoas con Diversidade Funcional Intelectual de Vilalba (Asfadivi).

O delegado asegurou que “a Xunta quere prestar uns servizos sociais de calidade, para o que tamén inviste no mantemento e mellora das instalacións”. No último exercicio, indicou, a Consellería destinou máis de 84.000 euros a obras de mellora e á compra de equipamento para os catro centros sociocomunitarios da provincia.

No de Vilalba, en concreto, procedeuse ao pintado de exteriores e á substitución de portas, pasamáns e iluminación.