Os centros tecnolóxicos ATIGA consolidan o seu crecemento en 2018

As cifras de 2018 consolidan a sólida senda de crecemento dos centros de excelencia ATIGA
Por o 13/01/2019 | Sección: Empresas
Os centros tecnolóxicos ATIGA consolidan o seu crecemento en 2018
Os centros tecnolóxicos asociados en ATIGA, AIMEN, ANFACO- CECOPESCA, CTAG, ENERGYLAB, GRADIANT e ITG consolidan e crecen sobre os datos de 2017. No seu avance de resultados
de 2018 o presidente de ATIGA apuntou o crecemento nos principais indicadores de actividade, ingresos, proxectos e clientes. A falta do peche das cifras definitivas, que se compartirán íntegras proximamente, este crecemento, en palabras do presidente de ATIGA, Juan Manuel Vieites, susténtase nunha “aposta decidida pola mellora continua tanto dos centros como da Xunta de Galicia”.
Vieites destacou que o investimento agregado durante 2018 en equipamentos tecnolóxicos punteiros superou os 8 millóns de euros. Equipamentos de distinta índole relacionados coa biotecnoloxía, os materiais avanzados, o coche autónomo, a industria 4.0 ou os drons e cuxo fin último é achegar ás empresas galegas as diversas oportunidades que brindan as tecnoloxías emerxentes e facelas máis innovadoras e competitivas.
Estes datos mostran o “ know- how” e “ expertise” dos centros tecnolóxicos galegos e ilustran como os seus case 2.000 clientes valoran e requiren os seus servizos de alto valor engadido que permiten que as empresas, en especial as pemes, poidan investigar e innovar sen dedicar recursos dos que non dispoñen e reducindo así os riscos. Os centros convértense así en socios tecnolóxicos das empresas e desenvolven un papel crave mobilizando o investimento privado en I+D+i e axudando ás empresas no proceso de internacionalización. Apoio que pode significar desde abrir a porta á participación nun proxecto europeo de I+D+i a entrar en contacto cun novo provedor ou a un potencial cliente.
En 2018 desde ATIGA desenvolvéronse distintas actuacións en colaboración coa Xunta de Galicia. Co IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) elaborouse e presentado o estudo Oportunidades Industria 4.0 en Galicia, un estudo pioneiro a nivel internacional que permitiu detectar a situación e necesidades crave das empresas en canto a tecnoloxías emerxentes. No marco doutro convenio con GAIN (Axencia Galega de Innovación) potenciouse a presenza internacional dos centros en distintos eventos e foros tecnolóxicos e non menos importante, continuouse cun programa formativo conxunto grazas ao cal case 500 investigadores e outros empregados dos centros pasaron polas aulas de ATIGA durante os últimos 4 anos.
Actuacións e iniciativas que foron posibles grazas ao apoio da Xunta de Galicia e que mostran a estreita colaboración público-privada que permite continuar coa aposta pola modernización da nosa rexión. En 2019 e segundo Vieites, presidente de ATIGA, os centros seguirán participando e apoiando de forma significativa ás iniciativas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Iniciativas e retos que van desde os Dixital Innovation Hubs pasando pola participación na incipiente Rede Cervera de centros de excelencia a nivel nacional ou a profundización do proceso de internacionalización dos centros e das empresas que os acompañan.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou que Galicia e os centros tecnolóxicos “están a facer ben as cousas” e que a traxectoria do goberno desde o 2009 “foi na liña da aposta constante en innovación e así seguirá sendo”. Así mesmo, Conde referiuse á recente creación da Axencia de Innovación que “incrementou o seu orzamento nun 56% nos últimos 4 anos con accións marcadas polo ritmo do tecido produtivo e, dunha forma importante, polos propios centros tecnolóxicos”.
Para futuro, “a Xunta de Galicia continuará desenvolvendo programas que permitan incrementar o talento, apostando por consolidar as capacidades en I+D dos propios centros tecnolóxicos e apoiando aos mesmos no seu posicionamento internacional, co obxectivo de facilitar que Galicia poida continuar respondendo os retos da economía e a industria 4.0”, concluíu.

A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia

ATIGA é a Alianza Tecnolóxica Intersectorial dos Centros Tecnolóxicos galegos de ámbito estatal. Os seis centros tecnolóxicos que a integran aúnan esforzos para alcanzar unha
maior cooperación que lles permita contar con niveis superiores de competitividade no mercado e alcanzar, entre outros obxectivos, a excelencia tecnolóxica e a participación
conxunta en grandes proxectos consorciados, así como en plataformas e foros tecnolóxicos. A Alianza traballa coa vocación de favorecer novas oportunidades de actuación no ámbito
internacional e mantén o compromiso coa creación e a consolidación en Galicia de emprego cualificado, estable, de calidade e con futuro.
ATIGA ten un volume de ingresos agregado de case 65 millóns de euros e conta cun equipo humano composto por máis de 1.129 traballadores altamente cualificados: doutores, enxeñeiros e tecnólogos. A súa carteira de clientes suma 1.875 empresas, ás que presta servizos tecnolóxicos e de I+D+i en 27 países diferentes. Durante 2017, os membros da Alianza executaron 400 proxectos de I+D+i e son, ademais, titulares dun total de 78 patentes, propias ou en colaboración con empresas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.