Os colexios da provincia incluirán a compostaxe nas súas actividades didácticas

A Deputación, a través do Ceida, vén de ofertar aos centros escolares diferentes recursos pedagóxicos e formativos para os rapaces e rapazas.
Publicado por o día 12/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Os colexios da provincia incluirán a compostaxe nas súas actividades didácticas

Os colexios da provincia incluirán a compostaxe como tema de traballo nas súas actividades didácticas para o alumnado. Así o indicou hoxe o vicepresidente provincial César Mosquera na sinatura da addenda para prorrogar durante este ano 2017 o convenio que a Deputación ten co Centro de Extensión Universitaria e Educación Ambiental de Galicia (CEIDA) para fomentar a sensibilización ambiental e a compostaxe no ámbito educativo.

Segundo indicou o vicepresidente, neste ano 2017 o Ceida traballará de xeito cos colexios da provincia, sobre todo naqueles concellos adheridos ao Plan Revitaliza, ofertando unidades formativas para que a compostaxe sexa protagonista das programacións educativas dos rapaces e rapazas. Pola súa banda, o responsable do Centro de Extensión, Carlos Vales, explicou que durante o ano 2016 o Ceida xa estivo en contacto con boa parte dos colexios para poñer a disposición recursos pedagóxicos, didácticos e formativos (obradoiros, charlas e materiais de traballo e explicativos, exposicións e outras actividades), que xa se utilizaron nalgunhas localidades.

Así mesmo, por parte do Ceida durante o 2016 realizouse un traballo de recolección de proxectos e experiencias escolares xa existentes sobre a compostaxe, dos que foron seleccionados catro (agárdase chegar a seis) para expoñelos nun congreso escolar que se celebrará en Pontevedra en datas aínda por determinar. “Ese congreso será o punto de expansión do Plan Revitaliza nos colexios. Será o fito con máis potencia para divulgar a compostaxe entre a comunidade educativa”, sinalou Mosquera.

Por outra parte, dende o Ceida tamén se mantiveron contactos coa Consellería de Educación para que a compostaxe e o mundo relacionado coa educación ambiental se  inclúan na vindeira oferta de cursos de actualización e formación continua para o profesorado, cuestión fundamental para a correcta transmisión aos alumnos dos conceptos sobre o tratamento do lixo orgánico.

“Temos feita unha primeira fase do noso traballo en 2016 que debe ter continuidade no futuro. Queremos impregnar o tecido educativo da provincia, chegar a un maior número de colexios e crear no profesorado un compromiso cun proxecto como o Plan Revitaliza da Deputación que é ilusionante e supón é un salto a todos os niveis, conceptual e práctico, para resolver un problema da sociedade: como se xestionan correctamente os residuos”, subliñou Vales.

O responsable do Ceida destacou que a súa colaboración coa Deputación só é unha das partes necesarias para potenciar a compostaxe na provincia, pero subliñou que é “relevante” porque non só “sensibilizará aos escolares, senón que levará esa concienciación á casa e influirá no contorno familiar” e permitirá un cambio de hábitos necesario na xestión dos residuos de forma máis ecolóxica.

Finalmente, o vicepresidente Mosquera destacou que, se ben este ano 2016 xa se obtiveron resultados nalgúns colexios, “os froitos deste traballo de concienciación educativa serán máis evidentes co paso dos meses e os resultados masivos veranse nos vindeiros cursos”. “Temos que agradecer ao Ceida que este aí porque nestes tempos non é fácil manter un centro de educación ambiental, e tamén agradecer que se presten a colaborar coa Deputación”, salientou.