Os colexios Pedro Caselles e de Tebra contan neste curso con novas infraestruturas, grazas ás melloras practicadas polo Concello de Tomiño

No comedor do CEP Pedro Caselles realizáronse varias melloras de illamento e insonorización
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Tomiño

Os colexios Pedro Caselles e de Tebra contan neste curso con novas infraestruturas, grazas ás melloras practicadas polo Concello de Tomiño

O Concello de Tomiño vén de realizar importantes melloras en varios colexios públicos do municipio. Pola súa envergadura destacan as obras levadas a cabo na parroquia de Tebra e en Santa María de Tomiño. A petición da veciñanza e da ANPA do centro de educación infantil e primaria de Tebra, levouse a cabo a ampliación da pista deportiva existente, co fin de poder dispoñer de máis ámbitos de xogo e de que os equipamentos necesarios para a práctica de distintos deportes, non interfiran entre eles.

Asemade, detectouse a necesidade de sanear e mellorar o acceso rodado do pavillón xa que en épocas de chuvia, se anega.

“Executouse unha nova pista deportiva de formigón pulido sobre a existente, ampliándoa para poder albergar una pista de fútbol sala, dúas de baloncesto e dúas de voleibol. Co mesmo tratamento, pavimentouse a entrada para vehículos cara o recinto, e acondicionáronse as escaleiras de acceso dende o colexio. En todo o perímetro instalouse un drenaxe perimetral que recolla as augas da chuvia”, explica o concelleiro responsable das actuacións, Lois Vázquez.

Por outra banda, e para dar resposta ás demandas plantexadas pola dirección e da ANPA do CEP Pedro Caselles, no sentido de reducir o elevado ruído que se produce nos comedores do centro durante as horas de xantar, o Concello fixo medicións acústicas que deron valores moi por encima do tempo de reverberación idóneo para estes espazos.

Para solucionar o problema, colocouse un falso teito con placas e velo branco na cara visible. Este material ten un elevado coeficiente de absorción acústica que permite reducir notablemente o son ambiente, impedindo que rebote e se mesture co resto, provocando o molesto ruído. Ademais aproveitouse para renovar a iluminación existente, instalando novas luminarias de LED co fin de aforrar no consumo eléctrico.

“Realizáronse medicións finais e o resultado foi que se reduciu notablemente o tempo de reverberación, alcanzándose case os valores recomendados para estes espazos, sobre todo, no rango de frecuencias da voz humana. Desta maneira mellorouse o conforto das persoas usuarias que agora poden falar sen ter que levantar a voz”, explica o concelleiro.