Os comuneiros do Viso organizan unha xornada volutaria de plantación para a creación de franxas verdes no monte Espiño

Por o 06/03/2019 | Sección: Eventos,Galicia,Vigo
Os comuneiros do Viso organizan unha xornada volutaria de plantación para a creación de franxas verdes no monte Espiño

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organiza unha nova edición do día da árbore para o vindeiro domingo 10 de marzo. Colaborarán coma en anos pasados “Xirela, Servizos Técnicos e obras do Rural” e “Maquinaria Agrícola Carpintero”. O punto de encontro será o monte Espiño a partir das 10:30 h da mañá.

Seguindo a liña de anos anteriores, nesta ocasión participarase na creación de franxas verde con frondosas autóctonas para mellorar a defensa contra incendios forestais do monte comunal. Para elo faranse plantacións fundamentalmente de castiñeiros, bidueiros e carballos nun rodal de 10.000 m2 de superficie na zona norte do monte, zona de entrada habitual dos incendios na parroquia do Viso. Reforzarase tamén con arborado nunha zona preto das casas do barrio do Escredo, recentemente rozadas.

Repoboarase así coa axuda dos voluntarios que asistan máis de 200 árbores diversas para deste xeito recuperar a diversidade arbórea da zona e, como non, realizar unha acción didáctica entre adultos e os máis cativos achegando a experiencia de participar no mantemento e coidado da natureza en xeral, e do monte comunal en man común en concreto. O día da árbore do Viso é unha actividade aberta a toda a veciñanza, na que poden participar sen máis que levando un legón, unha lubas e ganas de traballar para conseguir un monte que siga proporcionando recursos tanxibles e intanxibles como poden ser as augas, a paisaxe, a fixación de carbono, leñas, froitos como as castañas, cogomelos, hábitats de fauna e flora…

Comentar noticia

Your email address will not be published.