Os concellos afectados polo lume solicitarán de forma coordinada axudas ao Estado, á Xunta e á UE

O alcalde de Vigo reuniuse este luns con oito rexedores de municipios da área metropolitana afectados polos lumes da pasada fin de semana para abordar de forma conxunta vías para paliar os danos provocados, abordar solucións e avaliar os danos materiais e humanos.
Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Mondariz,Nigrán,O Porriño,Vigo

Os concellos afectados polo lume solicitarán de forma coordinada axudas ao Estado, á Xunta e á UE

Na xuntanza participaron a alcaldesa de Porriño, Eva González de la Torre, e dos rexedores Nigrán, -Juan González-, Gondomar – Paco Ferreira-, Salceda de Caselas -Marcos Besada-, As Neves – Xosé Manuel Rodríguez-, Fornelos de Montes -Emiliano Lage-, Mondariz – Xosé Carlos Montes Bugarín- e Ponteareas -Xosé Represas. Caballero apuntou que tamén estaban convocados a este encontro informal os primeiros edís de Salvaterra de Miño, Soutomaior, Pazos de Borbén, Redondela, Baiona e Mos que non acudiron.

Segundo expuxo o rexedor vigués, os concellos acordaron acudir a tres vías. A primeira, o Goberno de España a través da Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil que establece a posibilidade de declarar zona afectada gravemente por emerxencia de Protección Civil no Consello de Ministros. Esta norma leva aparellada axudas no ámbito económico, forestal, comercial, danos ao patrimonio persoal e público e practicamente atención a todos os danos acaecidos cos lumes. “Farémolo de forma coordinada”, aínda que a solicitude debe ser individual a través da Xunta de Goberno, do alcalde ou do Pleno de cada municipio, que debe axuntar unha memoria de danos e circunstancias. Así, trasladou a idea de que están “convencidos de que Goberno España acordará esta declaración de zona afectada gravemente xa que o xustifica o dano e a dimensión de perdas humanas”.

En segundo lugar, Caballero explicou que os alcaldes decidiron optar ás axudas que recolle o Decreto 102/2017 de 19 de outubro da Xunta de Galicia, que ten carácter subsidiario e son complementarias e compatibles coas do Estado.

En terceiro lugar, os rexedores decidiron recorrer ao Fondo de Solidariedade da Unión Europea pensado para catástrofes graves ocasionados por incendios forestais. Neste caso debe solicitalo o Estado membro pero tratarán de dialogar directamente coa Unión Europea sobre esta posibilidade. Require un dano mínimo de 3.000 millóns de euros pero pode aglutinar a varias rexións europeas dun mesmo Estado, segundo sinalou Caballero.

Os alcaldes coincidiron en que que o acontecido marcará un “antes e un despois” na historia de cada concello e na historia de Galicia e que este é momento de “tomar múltiples decisións en múltiples direccións”. No tocante á recuperación do solo, consideran que é necesario trazar unha nova política forestal coa axuda de expertos para que non volva acontecer unha traxedia así, de forma que os montes que se deseñen minimicen os danos no caso de lumes. “Temos que estar preparados porque a forma de contemplar o monte xa non pode ser igual ca antes, non se pode pensar en termos de rendibilidade económica, algo para o que se precisan axudas de todas as administracións”, engadiu o rexedor olívico.

Ademais, os municipios afectados polos incendios abordaron a necesidade de establecer protocolos de actuación, de cooperación permanente para empregar os recursos e trazar accións conxuntas, as accións preventivas que se poden aplicar e que precisan reformas lexislativas, especialmente no relativo ás parcelas e montes privados, así como a coordinación de medios entre os municipios. Neste sentido, Caballero apuntou que “necesitamos mecanismos que permitan que funcione mellor, precísase reformar os protocolos de actuación porque os sistemas de alerta teñen que conectar as unidades de mando en cada territorio cos responsables da Comunidade Autónoma a través de liñas abertas, urxentes e permanentes. Non podemos estar pendentes dos teléfonos de emerxencia que se saturan e colapsan”. En definitiva, apuntou, é preciso contar con mecanismos distintos de prevención, de alerta e de acción despois do inicio da catástrofe para afrontala con capacidade de comunicación e actuación.

O alcalde de Vigo reiterou a necesidade de apoio financeiro en “todas as cuestións” para os concellos afectados que volverán xuntarse para seguir con estas liñas de actuación de forma coordinada.

Sobre as medidas postas en marcha polo Concello vigués, explicou que xa comezou a distribución de 17 toneladas de palla seca no Monte Alba, que axudará a evitar a erosión do solo queimado e a axudar á reforestación do monte e que encargou xa outras 17 toneladas para continuar con estes labores.