Os concellos do Val Miñor inauguran a segunda edición do obradoiro dual deseño gráfico e coidados sociosanitarios cunha vintena de alumnos-traballadores

Os tres concellos uniron forzas para crear este obradoiro de emprego baixo o título ‘Crea e Coida Miñor’, subvencionado con 346.000 € por parte da Xunta
Publicado por o día 29/12/2020 na sección de Baiona,Galicia,Gondomar,Nigrán,Xunta de Galicia

Unha vintena de alumnos-traballadores comezou hoxe a segunda edición do obradoiro dual de emprego ‘Crea e Coida Miñor’ promovido polos tres concellos do Val Miñor e que está orientado por un lado a formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais ou en domicilio, e, por outro, a deseño de produtos gráficos destinados a promover a comarca. Os tres alcaldes do Val Miñor, xunto á delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiron esta mañá á xornada inaugural no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, municipio onde terá lugar boa parte da formación (agás a parte práctica de atención sociosanitaria, que se desenvolverá na casa cedida polo Concello de Nigrán ao Centro Juan María, en Camos, e que non interferirá neste uso). O obradoiro conta cunha subvención de 346.446 € por parte da Consellería de Economía e Emprego da Xunta de Galicia e 3.500 € aportados por cada Concello, dando traballo durante nove meses a 20 alumnos-traballadores da comarca que se atopaban en situación de desemprego e que o INEM seleccionou.

Esta acción é froito dunha sinerxia entre os tres municipios (ao marxe da Mancomunidade do Val Miñor) para solicitar unha subvención ao respecto e foi creada consensuadamente dende os respectivos servizos técnicos municipais ao detectarse un viveiro de emprego que, precisamente, non depende da estacionalidade.

Os participantes percibirán o salario mínimo interprofesional e, no caso de ‘Deseño de produtos gráficos’, adquirirán competencias para desenvolver proxectos gráficos a partir das especificacións iniciais do producto, elaborando bocetos, seleccionando e axeitando color, imaxes e fontes tipográficas, creando elementos gráficos, maquetas e artes finais… Un traballo que, paralelamente, permitirá crear unha imaxe corporativa común para o Val Miñor, para as súas prazas de abastos e para crear pictogramas para facilitar a comunicación ás persoas con diversidade cognitiva.

Por outra banda, os 10 alumnos-traballadores de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou centros de día recibirán formación dividida en diferentes módulos, de hixiene e atención sanitaria domiciliaria, atención e apoio psicosocial domiciliario ou apoio domiciliario e alimentación familiar (as prácticas terán lugar na casa cedida polo Concello de Nigrán ao CEE Juan María).

“Son dous cursos que aportan o certificado de profesionalidade preciso para exercer dúas profesións moi demandadas especialmente nesta comarca e que non dependen da estacionalidade. Dende os tres concellos quixemos unir forzas para, un ano máis, formar a persoas desempregadas en eidos de claro compoñente social”, sinalou o alcalde de Nigrán, Juan González, durante a presentación desta mañá.

Comentar noticia

Your email address will not be published.