Os Concellos do Val Miñor inauguran un obradoiro dual de deseño gráfico e coidados sociosanitarios cunha vintena de alumnos máis traballadores

Os alcaldes asistiron esta mañá á inaguración oficial da formación teórica nas instalacións do CDL de Gondomar, mentras que a parte práctica da especialidade de atención sociosanitaria será na casa cedida polo Concello de Nigrán para programa de respiro familiar do CEE Juan María
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Galicia,Nigrán

Os Concellos do Val Miñor inauguran un obradoiro dual de deseño gráfico e coidados sociosanitarios cunha vintena de alumnos máis traballadores

Unha vintena de alumnos-traballadores comezou hoxe a III edición do obradoiro dual de emprego ‘Valmiemprega’ promovido polos tres concellos do Val Miñor e que este ano leva por título “Crea e Coida Miñor” ao estar orientado por un lado a formación en ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais ou en domicilio’, e, por outro, a ‘Deseño de produtos gráficos’. Os tres alcaldes do Val Miñor, xunto ao Xefe Territorial de Economía, Industria e Comercio da Xunta, acudiron esta mañá á xornada inaugural no CDL de Gondomar, onde terá lugar boa parte da formación (agás a parte práctica de atención sociosanitaria, que se desenvolverá na casa cedida polo Concello de Nigrán ao Centro Juan María, en Camos, e que non interferirá neste uso). O obradoiro conta cunha subvención de 336.446 € por parte da Consellería de Economía e Emprego da Xunta de Galicia e dará traballo durante nove meses a 20 alumnos-traballadores da comarca que se atopaban en situación de desemprego e que o INEM seleccionou.

Esta acción é froito dunha sinerxia entre os tres municipios (ao marxe da Mancomunidade do Val Miñor) para solicitar unha subvención ao respecto e foi creada consensuadamente dende os respectivos servizos técnicos municipais ao detectarse un viveiro de emprego que, precisamente, non depende da estacionalidade.

Os participantes percibirán o salario mínimo interprofesional e, no caso de ‘Deseño de produtos gráficos’, adquirirán competencias para desenvolver proxectos gráficos a partir das especificacións iniciais do producto, elaborando bocetos, seleccionando e axeitando color, imaxes e fontes tipográficas, creando elementos gráficos, maquetas e artes finais… Un traballo que, paralelamente, permitirá crear un produto turístico/cultural claramente identificado co Val Miñor e nas consecuentes formas de plasmación, tanto do xeito máis tradicional (con soporte papel) como web. Así, os 10 alumnos-traballadores realizarán actuacións nos tres concellos encamiñadas a lanzar o Val Miñor como destino turístico/cultural (imaxe corporativa común, identificación das mellores imaxes e obtención das mesmas, retoques dixitais, composición de textos, maquetación de produtos editoriais…). Este obradoiro supón un paso máis sobre o do ano pasado, que estivo adicado á promoción turística local e información ao visitante e deseño gráfico e multimedia

Por outra banda, os 10 alumnos-traballadores de ‘Atención sociosanitaria a persoas no domicilio’ recibirán formación dividida en tres módulos, de hixiene e atención sanitaria domiciliaria, atención e apoio psicosocial domiciliario e, finalmente, apoio domiciliario e alimentación familiar (as prácticas terán lugar na casa cedida polo Concello de Nigrán ao CEE Juan María).

“Son dous cursos que aportan o certificado de profesionalidade preciso para exercer dúas profesións moi demandadas especialmente nesta comarca e que non dependen da estacionalidade. Dende os tres concellos quixemos unir forzas para, un ano máis, formar a persoas desempregadas en eidos de claro compoñente social”, sinalou o alcalde de Nigrán, Juan González, durante a presentación desta mañá.

Comentar noticia

Your email address will not be published.