Os conselleiros de Facenda e Medio Ambiente piden comparecer no Parlamento para informar das medidas adoptadas ante a pandemia do covid-19

Ángeles Vázquez abordará a resposta que se está dando desde o eido do medio ambiente e as actuacións en materia de vivenda
Publicado por o día 27/04/2020 na sección de Coronavirus,Xunta de Galicia

Os conselleiros de Facenda e Medio Ambiente piden comparecer no Parlamento para informar das medidas adoptadas ante a pandemia do covid-19

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e a conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, veñen de solicitar a súa comparecencia a petición propia ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polos seus departamentos ante a situación motivada pola pandemia COVID-19.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, exporá as iniciativas postas en marcha polo seu departamento no ámbito financeiro e orzamentario. Nesa liña, destacan o plan extraordinario de tesourería posto en marcha polo Goberno galego, que permitirá acceder a ata 1.800 millóns de euros para axilizar os pagamentos da Comunidade Autónoma, ou o aprazamento dos principais impostos que dependen da Axencia Tributaria de Galicia, medidas todas elas destinadas a dotar de liquidez ás familias e ás empresas galegas.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, fará balance das axudas e solucións habilitadas desde o IGVS para as familias e persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade con motivo da pandemia, en especial o aprazamento mentres dure o estado de alarma do cobro dos recibos de alugueiro das vivendas de promoción pública e dos locais comerciais do IGVS e das vivendas titularidade de Xestur, medida da que se están a beneficiar máis de 3.500 familias, así como a asunción por parte da Xunta do 100% do pagamento da renda dos 700 beneficiarios que teñen concedido actualmente o Bono de Alugueiro Social.

Así mesmo, a conselleira explicará o papel proactivo asumido pola Consellería para garantir unha xestión dos residuos eficiente e adaptada ás novas necesidades xurdidas a raíz do incremento dos refugallos sanitarios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.