Os cursos da Área de Normalización Lingüística continúan apostando pola docencia virtual do galego

A matrícula estará aberta do 5 ao 23 de febreiro
Por o 23/01/2018 | Sección: Formación,Universidade de Vigo
Os cursos da Área de Normalización Lingüística continúan apostando pola docencia virtual do galego

A docencia virtual seguirá a ser modalidade predominante na programación da Área de Normalización Lingüística para o segundo cuadrimestre. A partir do mes de febreiro desenvolveranse cinco cursos en liña e tan só un presencial, o xa tradicional obradoiro de extensión universitaria, destinado ao alumnado estranxeiro de programas de intercambio, como unha primeira toma de contacto coa lingua e a cultura galegas. Na modalidade virtual, a comunidade universitaria poderá elixir entre redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, redacción de documentos administrativos, actualización, corrección e escrita con novas tecnoloxías e técnicas de redacción.

O prazo de matrícula para todos estes curso estará aberta do 5 ao 23 de febreiro a través da plataforma Bubela.

Docencia virtual centrada na redacción

O 1 de marzo arrancarán tres destes cursos con docencia en liña, que se estenderán ata o día 23 do mesmo mes. O primeiro deles, sobre a redacción de documentos administrativos, terá unha duración de 20 horas e está destinado a persoas con coñecementos amplos da lingua galega que queiran contar cunha guía para a redacción de documentos de carácter administrativo.

Coas mesmas datas desenvolverase o curso de corrección da escrita coas TIC, de 25 horas, destinado a ampliar os coñecementos dos asistentes sobre os recursos lingüísticos que a informática pon ao dispor da lingua galega. Tamén do 1 ao 23 de marzo terá lugar o obradoiro de redacción con claridade e mellora da redacción, de 15 horas de duración. Neste caso, os contidos son de carácter xeral para coñecer as claves e as técnicas para redactar de forma correcta, eficaz e actual.

Os outros dous cursos virtuais desenvolveranse do 2 ao 27 de abril. O primeiro deles, con 20 horas de docencia, centrarase na redacción e deseño de traballos académicos e científicos, co obxectivo de mellorar a expresión escrita e afondar no coñecemento das ferramentas para organizar un documento no contexto universitario. O segundo curso deste mes será tamén o máis amplo, con 40 horas de docencia, coa finalidade de lembrar e repasar os coñecementos lingüísticos das persoas asistentes e de coñecer as últimas modificacións nas normativas.

Un achegamento a Galicia para o alumnado estranxeiro

O curso de Extensión Cultural leva anos achegado o alumnado estranxeiro de intercambio nos tres campus da Universidade á lingua e tamén cultura galega. Ao longo de 75 horas de formación e actividades lúdicas entre o 15 de febreiro e o 3 de maio, as e os participantes poderán coñecer non só o idioma senón tamén a historia, as tradicións, as festas, a literatura, a música e mesmo a gastronomía da terra que os acolle. Ademais de sesións de clases presenciais, visitarán lugares representativos e senlleiros de Galicia, como vilas históricas, castros, espazos naturais, etc. O horario das sesións será martes e xoves de 16.00 h a 19.00 horas para o campus de Vigo e luns e mércores co mesmo horario no caso de celebrarse tamén en Ourense e Pontevedra. De feito, todos os cursos precisan un mínimo de 15 inscritos para podérense celebrar e son de carácter gratuíto.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.