Os datos do paro rexistrado demostran que un modelo produtivo precario dá como resultado emprego precario

CCOO demanda ao Goberno que os orzamentos de 2018 se orienten cara a un novo modelo produtivo
Por o 05/09/2017 | Sección: CC.OO,Emprego,Galicia,Sindicatos
Os datos do paro rexistrado demostran que un modelo produtivo precario dá como resultado emprego precario

Os datos publicados onte polo Servizo Público de Emprego reflicten que o desemprego se reduciu a base de crear emprego precario. CCOO chama a atención sobre o elevado número de contratos formalizados (90.305) para tan só 2293 afiliacións máis. Se ademais temos en conta que o 94,34 % dos contratos rexistrados son temporais, podemos concluír que o emprego que se está a crear é precario e ten data de caducidade.

A responsable de Emprego de CCOO recorda que antes da crise había en Galicia 1.090.000 persoas afiliadas á Seguridade Social e que hoxe, con datos positivos, só hai 998.891. «Isto proba que o ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar o que se destruíu durante a crise», sinala Bouza.

CCOO recorda que segue habendo 181.125 persoas en situación de desemprego e demándalle ao Goberno que os orzamentos de 2018, que se están a elaborar, se orienten cara a un novo modelo produtivo no que Galicia aposte por actividades que xeren maior valor engadido e emprego de calidade que redunde no conxunto da economía.

Análise do paro rexistrado

En Galicia, o paro rexistrado baixou no mes de agosto en 746 persoas (−0,41 %) fronte a unha suba de 46 400 persoas no Estado (+1,39 %). Non obstante, ese descenso foi máis cativo ca en anos anteriores: en agosto de 2016 foi do 1,23 % e un ano antes, do 1,22 %.

Así pois, o mes de agosto pechou con 181 125 persoas paradas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego: 103.601 mulleres (o 57 % do paro rexistrado) e 77.524 homes. Dese total, 8621 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan ao redor 5 % do paro rexistrado.

Atendendo ao sexo, o paro rexistrado só baixou nos homes (899 parados menos fronte a 153 paradas máis). Por grupos de idade, diminuíu no de 25 ou máis anos (827 persoas paradas menos fronte a 81 máis menores de 25 anos). Por sectores de actividade, baixa en todos e, en proporción, o maior descenso dáse na agricultura (275 persoas paradas menos; −4,33 %) e na construción (391persoas paradas menos, −2,14 %); no colectivo sen emprego anterior diminuíu en 44 persoas (-0,27 %), na industria en 28 persoas (−0,13 %) e nos servizos en 8 (−0,01 %).

Na comparación anual, o paro rexistrado baixou en 11 920 persoas na nosa comunidade (−6,17 %). É un descenso inferior ao rexistrado na media do estado (−8,52 %) e ao de anos anteriores (en agosto de 2016 a redución anual foi do 9,68 % e no 2015 do 9,79 %).

Análise da contratación

Os datos de contratación confirman a esaxerada temporalidade no mercado laboral: o 94,34 % dos contratos rexistrados en agosto foron temporais. En cifras absolutas, son 90 305 contratos temporais e só 5415 indefinidos.

En relación co mes de xullo, rexistráronse 11 858 contratos menos e, en proporción, a maior caída dáse na contratación indefinida: 1226 contratos indefinidos menos (−18,46 %) e 10 632 temporais menos (−10,53 %). Na comparación anual, rexistráronse 446 contratos indefinidos máis (+8,98 %) e 7765 temporais máis (+9,41 %).

Afiliación á seguridade social

No mes de agosto había 998.891 persoas afiliadas á seguridade social en Galicia (hai nove anos esa cifra chegaba ás 1 091 537 afiliacións). Son 2293 máis ca no mes de xullo (+0,23 %) e 19.786 máis ca en agosto de 2016 (+2,02 %).

A afiliación avanzou este mes en Galicia e retrocedeu na media estatal un 0,97 % pero, en termos anuais, a creación de emprego segue sendo máis lenta na nosa comunidade ca na media estatal (+2,02 % e +3,45 %, respectivamente).

Canto á evolución por réximes, destaca a perda de afiliacións no de autónomos tanto na comparación mensual (329 afiliacións menos) coma na anual (2115 afiliacións menos).

Prestacións por desemprego

No mes de xullo de 2017 só estaban percibindo unha prestación por desemprego o 52,34 % das persoas paradas con experiencia. E as prestacións contributivas, as de máis calidade, só representaban o 42,86 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 43,88 %.

Ese mes, 86.644 persoas cobraban unha prestación por desemprego, 7728 menos ca un ano antes, e a repartición por modalidades é a seguinte: 38 019 percibían un subsidio por desemprego, 37.134 contributivas, 10.145 a renda activa de inserción e 1346 correspondían ao programa de activación de emprego.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.